Paula Carballeira, Premio de Literatura Dramática: "Falta aínda moito por facer en educación afectiva e sexual"

É a primeira muller que recibe o galardón por unha obra escrita en galego, 'As Alumnas', "homenaxe á escola laica, libre e avanzada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 01/09/2023 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

A gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, Paula Carballeira, é a primeira muller que recibe este galardón por escribir unha obra en galego, 'As alumnas', que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola "laica, libre e dunha pedagoxía avanzada", segundo o xurado do premio que outorga o Ministerio de Cultura.

"Faltan moitas cousas aínda por facer, sobre todo en educación afectiva e sexual, que ao final é educación tamén", dixo en declaracións a Europa Press tras coñecerse o galardón. Ademais, advertiu de que en España á educación "préstaselle pouca atención e dáselle pouco valor" a pesar de ser unha "clave esencial en todos os seus niveis".

"En España fixámonos pouco na educación en xeral e no que implica para a sociedade. Creo que é unha clave esencial en todos os seus niveis. Sen educación non hai cultura, sen educación non hai industria, non hai progreso, non hai nada. Creo que en xeral lle prestamos pouca atención e dámoslle pouco valor", asegurou.

Neste sentido, detallou que os mestres teñen un "papel fundamental" xa que "todas as persoas teñen o recordo dun mestre ou dunha mestra que lles ensina o mundo doutra maneira, que lles dá oportunidades". "Creo os profesores ou calquera persoa que se dedica ao ensino ten un gran papel, ten un papel fundamental que é o de ensinarnos a pensar. Se iso non se fai, non avanzamos", explicou.

O xurado outorgou tamén o premio á gañadora pola "recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña o II República". "Creo que hai moito camiño por facer, pero estamos niso. Aínda así, temos que estar sempre pendentes de non perder o que conseguimos", defendeu.

"É UNHA RIQUEZA ENSINAR EN VARIAS LINGUAS"

Carballeira asegurou que é unha "riqueza ensinar en varias linguas" e "marabilloso ter diferentes linguas nun Estado". "Creo que sería estupendo ter nocións, no meu caso, de eúscaro ou de catalán, por exemplo, e, por suposto, en galego. Eu pertenzo a unha xeración que temos ensino en galego, pero a xeración anterior á miña non existía o galego e é unha pobreza. Cantas máis linguas aprendamos e con máis linguas convivamos, pois mellor. Sería fundamental establecer a educación en todos os idiomas que poidamos, e máis se son idiomas do Estado ao que pertencemos", reflexionou.

Por iso, avanzou que traducirá a súa obra galega ao español "para que chegue a máis xente". "Se puidese facelo noutras linguas, tamén o faría. Encantaríame para que chegase á maior cantidade de lectores e lectoras posibles", afirmou. A autora recoñeceu que sentiu "moita emoción" ao decatarse de que recibía o premio "que non se esperaba" porque supón que "se visibilicen persoas noutras linguas" e que a súa obra se coñeza "fóra de Galicia". "Dáme alegría que se vexa que en Galicia o teatro ten boa saúde, estamos a facer cousas desde hai bastante tempo", precisou.

En canto ao premio, indicou que "é moi interesante que se considere a literatura dramática". "O teatro sempre é un xénero moi difícil de encadrar. É moi interesante que exista un premio de literatura dramática, créoo fundamental tamén para que se visibilice. E neste caso, tamén para que se visibilicen obras escritas noutras linguas. A temática tamén é interesante, por iso escribino", explicou. Así mesmo, engadiu que unha obra de teatro "leva o seu tempo e leva as súas enerxías" e que "moitas veces as persoas non son conscientes de todo o traballo que hai detrás dun texto".

"ESTAMOS NUN PAÍS NO QUE SE ESQUECE MOI FACILMENTE"

A autora destacou que o que máis lle "enorgullece" é que a obra ten un tema "moi claro": a educación no caso das mulleres. "É unha obra que é parte dun personaxe real, que foi María Barbeito, que foi unha gran pedagoga na Segunda República que iniciou unha renovación pedagóxica e parouse", explicou.

"Aínda non estamos en vías de recuperar todo o que se perdeu", asegurou para engadir que da súa obra destaca a memoria e a reivindicación da memoria "nunha sociedade que parece que esquecemos moi rapidamente". "O pasado está aí, é interesante o que gañamos e tamén o que perdemos", afirmou.

Así, explicou que escribiu sobre ese tema porque "parece que as noticias de Afganistán e eses países quedan moi lonxe" a esta sociedade. "Lembroume á Segunda República, a cando se empezou a renovación pedagóxica que logo se freou. Houbo grandes revolucións contra os mestres e as mestras. Entón, é unha homenaxe para todas aquelas persoas que quixeron defender a liberdade de pensamento", sinalou.

Paula Carballeira
Paula Carballeira | Fonte: AAAG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta