O PSdeG valora as opinóns de Gonzalo Caballero sobre as primarias como as "dun militante máis"

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, declara que Gonzalo Caballero "goza da liberdade de opinión do mesmo xeito que outros deputados, que temos todos dentro deste partido".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, asegurou que a opinión do actual deputado e exsecretario xeral da formación, Gonzalo Caballero, sobre o proceso de primarias no partido é a de "un militante máis".

Así se pronunciou ao ser preguntado sobre as declaracións efectuadas por Gonzalo Caballero despois de que a dirección federal do PSOE ordenase aprazar aos socialistas galegos o seu proceso de primarias para elixir candidato á Xunta "ata a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno" en España, que se atopa nun marco complexo tras o escenario político que deixaron as eleccións do pasado 23 de xullo.

Despois de que Gonzalo Caballero sostivese que a dirección autonómica impulsara unha folla de ruta que "non era acertada" tras "os trompazos electorais das municipais e das xerais", Luís Álvarez sinalou que todos os socialistas teñen "liberdade de opinión".

"O señor Gonzalo Caballero ademais de ser deputado autonómico, ademais de ser exsecretario xeral do PSdeG é un militante máis e, por tanto, goza da liberdade de opinión do mesmo xeito que outros deputados, que temos todos dentro deste partido", dixo.

Por iso, indicou que "o feito de que manteña certas discrepancias coa actual dirección do PSdeG cabe entendelo como algo normal tendo en conta que o foi secretario xeral do Partido Socialista de Galicia e perdeu un proceso de primarias fronte ao actual secretario xeral".

"Trátase dun procedemento que está regulado, a reacción de Gonzalo Caballero e algún outro deputado forma parte de algo predicible tendo en conta que hai un procedemento aberto para a elección do candidato á Xunta e o señor Caballero ten a lexitimidade toda para situarse para ese proceso de primarias e ser candidato", indicou.

"Eu entendo que Gonzalo Caballero ten lexitimamente o dereito e a expectativa de poder ser o candidato á Presidencia da Xunta por parte do PSdeG, eu non vou contestar sobre o que o señor Caballero opina", resolveu.

"NINGÚN AVANCE"

Na súa intervención, Luís Álvarez sostivo que "non hai absolutamente ningún avance" en relación a este proceso desde que hai dúas semanas a dirección federal do partido decidise aprazar o proceso ata a conformación dun novo goberno no Estado que, conforme indicou, "está vinculada á perda de tempo, de case un mes enteiro", debido á "viaxe a ningunha parte iniciado por Feijóo coa única finalidade de salvar os mobles na súa posición como presidente do PP".

"Unha vez que se produza esa investidura errada, que será a finais de mes, e se inicie o procedemento e a xefatura do Estado encargue a conformación dun novo goberno, previo debate de investidura, ao señor Sánchez, volveremos falar xa do asunto", afirmou.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, en rolda de prensa. PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta