Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2023 | Actualizada ás 17:48
A Xunta acordou manter a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez en Pontevedra, do río Grande en Camariñas, e nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña.
Así se decidiu na reunión da Oficina da Seca, na que tamén se estableceu que continuará a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona (sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona).
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosquera, participaron na reunión deste luns, na que se abordou a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa, de competencia autonómica.
A pesar das choivas rexistradas, decidiuse manter a prealerta neses sistemas, xa que a recuperación dos ríos non se produce de forma inmediata, e "aínda non se alcanzaron valores de normalidade".
Con respecto á meteoroloxía, as choivas de agosto entraron nos "parámetros de normalidade", pero nas comarcas do norte da Coruña e Lugo quedaron por baixo dos valores habituais nesta época. Ademais, en próximas semanas prevese unha situación de tempo anticiclónico. A situación de prealerta por escaseza supón a instensificación do seguimento da situación meteorolóxica e dos niveis dos ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa.
O resto de sistemas de abastecemento de competencia autonómica presenta niveis "de normalidade", cunha ocupación media dos encoros do 69,59 %, 3,4 puntos por encima do mesmo período do ano pasado. A Xunta insistiu na importancia de realizar un consumo responsable de auga, con restricións nas regas, limitación no enchido de piscinas e reutilización sempre que sexa posible.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.