O alcalde da vila berciana de Oencia e un empresario mineiro, imputados por delito ecolóxico

Despois de numerosas denuncias veciñais e ecoloxistas, o SEPRONA constatou que os residuos dunha louseira colmataron os leitos das cabeceiras do río Xestoso e do rego Caborco de Mazales.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 14/09/2023 | Actualizada ás 22:21

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución N.º 8 de Ponferrada chamou a declarar na súa condición de imputados ao alcalde de Oencia, Arsenio Pombo Ovide, e ao empresario que está detrás da polémica canteira de lousa “O Poltrón”, no monte comunal de Xestoso.

Canteira de lousa en Oencia (O Bierzo)
Canteira de lousa en Oencia (O Bierzo) | Fonte: Ecologistas en Acción

Tras numerosas denuncias de colectivos veciñais e ecoloxistas, a Fiscalía viu indicios de posibles delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais, ao constatar o equipo especializado do SEPRONA que os residuos mineiros colmataron varios quilómetros de leito. Isto ocorreu a pouca distancia do Lugar de Importancia Comunitaria de Ribeiras do Río Sil e afluentes, e a tan só 500 metros do Lugar de Importancia Comunitaria Os Ancares-Courel, xa en Galicia e coa consideración de Zona de Especial Protección para o oso pardo.

A explotación funcionou desde 2006 carecendo de proxecto de restauración, licenza de actividade e de obras, concesión de aproveitamento de auga nin autorización de verteduras. Durante máis de 15 anos funcionou sen Autorización de Licenza Ambiental de ningún tipo, sen que  o Concello paralizase a actividade a pesar de numerosas denuncias.

Como consecuencia da falta de control, a explotación ocupou completamente as cabeceiras do río Xestoso e do rego Caborco de Mazales e os seus residuos alteraron a rede hidrolóxica superficial, levando á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a incoar varios expedientes sancionadores. A raíz das denuncias veciñais e a actuación da Fiscalía, hai uns meses tamén o Servizo de Industria da Junta de Castilla y León iniciou expediente sancionador por unha infracción grave derivada da falta de mantemento e conservación da explotación.

“Non se trata dun caso illado”, desde Ecoloxistas en Acción alertan que o caso de “O Poltrón” non é unha excepción, citando outros exemplos como a louseira Nano, situada a escasa distancia da anterior e a tan só 500 metros do núcleo de Arnado, que leva máis de 12 expedientes sancionadores da Confederación Hidrográfica por vertedura de residuos e outras infraccións, acumulando residuos mineiros de forma ilegal en pleno LIC de Ribeiras do Río Sil.

Neste caso, a explotación abandonouse en 2020 sen ningún tipo de restauración. Por outra banda, as canteiras “Mesa de Reis” e “Texeiras” tamén autorizaronse sen unha avaliación sobre os seus impactos en Rede Natura 2000, a pesar de estar a poucos metros do Lugar de Importancia Comunitaria Os Ancares-Courel, afectando no primeiro caso á Devesa do Cervo, no Concello de Quiroga, e en segundo ao do Pico de Montouto, un dos puntos máis altos da Serra do Courel a 1541 metros de altitude.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta