Quiroga celebra o seu aceite, único en Galicia

O sábado 16 de maio o muíño de Bendilló, no lugar coñecido como “As Farrapas” na ruta sur do Camiño de Santiago (Camiño de inverno), acolle a XV Mostra do Aceite de Quiroga, festa de interese turístico.

Por Galicia Confidencial | Quiroga | 15/05/2015 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

Se buscamos as orixes da elaboración artesanal do aceite en Quiroga chegamos inevitablemente ao paso dos romanos polo Val de Quiroga, terras estas caracterizadas por un microclima con trazos mediterráneos que fan posible o arraigo e a supervivencia das oliveiras. Os romanos introduciron o cultivo e empezaron a facer aceite pero no século XV os Reis Católicos mandaron cortar as oliveiras da zona como castigo pola insurrección do Reino de Galicia e quizais tamén para favorecer o cultivo no sur da península.

Burro tirando dun muíño de Aceite de oliveira galega en Quiroga
Burro tirando dun muíño de Aceite de oliveira galega en Quiroga

Daquela época consérvanse oliveiras milenarias e xa comeza a haber pequenas plantacións de particulares e empresas que vén futuro na recuperación e explotación da oliva, ouro líquido con moi boas expectativas de comercialización. Segundo comentaba meses atrás o alcalde de Quiroga nunha entrevista a este medio, actualmente prodúcense uns 30.000 litros e a previsión a 8 ou 10 anos é chegar aos 100.000 litros.

A mostra vense facendo dende o ano 2.000 no muíño de Bendilló, no lugar coñecido como “As Farrapas” situado preto da N-120 e na contorna do Camiño de Inverno a Santiago de Compostela. Ás 11.30 horas da mañá porase en funcionamento e comezará unha demostración da elaboración tradicional do aceite para que os alí presentes podan comprobar “in situ” todo o proceso. Ás 12.00 horas será a cata dos aceites participantes na mostra no interior da Capela de San Xoán das Farrapas, a poucos metros do muíño.

No recinto feiral atoparemos os colleiteiros que presentan e comercializan o aceite deste ano, postos de artesanía, postos de produtos gastronómicos típicos da zona e carpa para poder xantar polbo e churrasco. Amenizarán o encontro a danza e música tradicional a cargo das agrupacións locais: “Grupo de danza San Martiño”, grupo de gaitas “O Recanto” e a banda de gaitas “San Martiño”.

Mostra do Aceite
Mostra do Aceite
Julio Álvarez, alcalde de Quiroga
Julio Álvarez, alcalde de Quiroga
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta