Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 15:13
O Xulgado de Ordes concluíu a investigación pola vertedura de xurro ao río Tambre rexistrado en setembro de 2021 e ordenou que a causa se siga contra o dono da explotacion gandeira e un enxeñeiro por delito contra os recursos naturais e o medio ambiente. A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Ordes concluíu a investigación sobre a vertedura de xurro que en setembro de 2021 chegou desde unha explotación gandeira de Trazo a dous afluentes do río Tambre.
No auto, con data do 13 de setembro e do que informou este xoves o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a xuíza ordenou que as dilixencias se sigan polos trámites do procedemento abreviado, por se os feitos que se lle imputan ao administrador da explotación e ao enxeñeiro técnico que dirixiu a obra de ampliación das instalacións fosen constitutivos dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.
Por iso, deu traslado ao Ministerio Fiscal e ás acusacións para que, no prazo de dez días, soliciten abrir xuízo oral, presentando escrito de acusación ou soliciten o sobresemento da causa. No fallo, a xuíza asegura que "resultan indicios obxectivos suficientes de responsabilidade penal, que permiten, coa provisionalidade desta fase procesual, atribuír os feitos punibles derivados deles aos investigados".
Na resolución, explica que, en 2013, o presidente da explotación de gando vacún solicitou licenza ao Concello para ampliar a súa capacidade. Aínda que no proxecto constaba que "as portas de acceso para carga e axitado de xurro dispoñen dun sistema de seguridade", durante a construción, por indicación do promotor, "instalouse outro sistema de vaciamento". Ademais, indica que en 2015 presentouse o certificado final de obra "sen referirse ao citado sistema de vaciamento instalado durante a construción". "Non consta nin que a instalación do sistema de vaciamento, situada na parte máis baixa da balsa, contase co correspondente certificado de homologación, nin revisións ou mantemento nos anos seguintes", recalca a instrutora.
FEITOS
O 9 de setembro de 2021, por causas descoñecidas, "fallo, avaría ou deficiente funcionamento do referido sistema", abriuse o punto de vaciamento, provocando a saída descontrolada dos xurros almacenados cara o exterior, que se calculan entre 600.000 e 800.000 litros, os cales chegaron ata dous afluentes do río Tambre.
Ademais de turbidez e peixes mortos, o estado das augas tamén provocou que a mercantil que xestiona o servizo municipal de augas de Santiago interrompese a captación de auga desde o río Tambre desde as 03.00 horas do 11 de setembro ata as 20.30 horas do día seguinte.
A xuíza asegura que a responsabilidade do enxeñeiro técnico deriva "da súa condición de director de execución da obra de ampliación, permitindo a instalación dun sistema de apertura ou vaciamento do xurro que non supervisou, carente de homologación e das correspondentes medidas de seguridade, e que omitiu no proxecto, sendo visible cando asina o certificado final de obra; sistema con risco de verteduras e consecuente perigo para o medio ambiente". Ademais, dirixe a causa, como persoa xurídica, contra a sociedade agraria administrada polo outro investigado, dedicada á explotación gandeira e a través da que se produce a vertedura do xurro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.