Galiza Nova contra Juan Carlos I: "É a maior demostración do españolismo que ataca a nosa nación"

A organización xuvenil do BNG di que "a monarquía española é a maior representación da dependencia da nosa nación do Estado español".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/09/2023 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG  volve manifestar o seu descontento ante unha nova visita do Rei Juan Carlos I en Galicia. E faino cunha campaña de cartaces nas que amosa o seu rexeitamento ao monarca español tras a cuarta visita que realiza dende que marchou do Estado español a Arabia tras a apertura de procesos xudiciais na súa contra.

Acción protesta de Galiza Nova contra a visita do rei español emérito a Sanxenxo
Acción protesta de Galiza Nova contra a visita do rei español emérito a Sanxenxo | Fonte: Galiza Nova

"Iniciamos unha acción para que as rúas de Sanxenxo deixen claro que Galiza non ten rei na mañá do día que ten previsto saír navegar", apuntan nun comunicado.  “É unha vergoña que as visitas do rei emérito xa sexan algo completamente normalizado” denuncia Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, “dende a primeira visita no 2022 houbo unha total impunidade por parte dos gobernos tanto estatal como galego e, aínda que non sorprende, si que é un motivo máis de rexeitamento” sinalou.

A organización xuvenil denuncia que “a monarquía é a maior demostración do españolismo que ataca á nosa nación” e, tal e como explica Gómez “non ten cabida no noso país, non vai pasar sen resposta en ningunha das ocasións ata que Juan Carlos I sexa xulgado polos seus delitos”.

A secretaria xeral da organización denuncia tamén que “a monarquía española é a maior representación da dependencia da nosa nación do Estado español e como demostración este fin de semana estará representada no foro “La Toja” que deturpa os topónimos na nosa lingua”. A organización xuvenil do BNG anuncia que seguirán denunciando as visitas do rei emérito sempre que se sigan repetindo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta