Por Europa Press / Redacción | As Pontes | 04/10/2023 | Actualizada ás 17:07
Endesa finaliza este mércores o carbón da central térmica das Pontes de García Rodríguez e pon fin aos 47 anos de produción eléctrica de maneira ininterrompida neste complexo enerxético de 1.400 MW. Así o trasladaron a Europa Press o responsable de operación da central, Jesús Ferreño, que detallou que estes foron "os últimos días de funcionamento".
"Estamos a dedicarnos a queimar as últimas reservas que temos no parque de carbóns, para finalizar xa o funcionamento da central tras máis de 45 anos en activo", sinalou. Así, subliñou que, co fin do carbón, "finalízase a etapa laboral desta central" e toca xa "pensar no futuro, nos novos proxectos que veñan e no desmantelamento" destas instalacións.
Unha vez se produza o apagado da caldeira, a planta entrará nunha fase de transición cara a "unha situación segura", que implicará traballos de baleirado, limpezas e desconexións eléctricas. Deste xeito, procederase á desconeción dos grupos da rede para poder obter o acto administrativo para desmantelar as instalacións de forma segura.
SEGUINTE PASO
"O desmantelamento será un traballo que servirá de ponte de cara á instalación dos futuros proxectos de renovables que se instalarán na zona", engadiu. A compañía Endesa ten en desenvolvemento máis de 1.000 MW en Galicia, dos cales, 600 deles teñen a declaración de impacto ambiental (DIA) aprobada.
Ademais, continuou, "hai en tramitación varios proxectos industriais en terreos da central, que foron declarados estratéxicos pola Xunta, como o de Ence e a asiática Sentury".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.