Por Galicia Confidencial | Cambados | 02/06/2015 | Actualizada ás 10:00
O Xulgado de Instrución número 1 de Cambados impuxo unha multa 180 euros, a razón de 6 euros diarios durante un mes, a José Ramón Abal Varela, candidato de Cambados Pode á alcaldía nas eleccións do 24M por fuxir, supostamente, da Garda Civil nun control de tráfico. Sen embargo, a versión de Abal Varela é completamente a contraria, xa que di que marchou ao entender que tiña o visto e prace do axente.
Os feitos ocorreron o 10 de abril de 2015 nunha rotonda de Ribadumia, cando Abal Varela conducía en compañía da súa avoa e un axente do instituto armado parou o seu vehículo no marco dun control rutineiro.
O garda civil observou algo estraño no filtro do gasoil, polo que lle pediu que abrise o depósito do seu coche e dirixiuse ao vehículo oficial para coller a mangueira e os utensilios necesarios para realizar a proba. Foi nese momento cando, segundo considera probado o fallo xudicial, Abal Varela aproveitou para meterse no seu turismo e emprender a fuxida.
Ante estes feitos foi detido días despois e o xulgado fixou un xuízo para o 19 de maio que se aprazou por motivos médicos e celebrouse unha semana despois. Os dous axentes declararon no xuízo que un deles deu o alto a Abal Varela, quen pola súa banda asegurou que entendeu que podía marcharse cando o garda civil entregoulle o seu DNI e, segundo el, díxolle "listo".
Sen embargo, a xuíza entende que a súa versión é "contraditoria" e deu por válido o testemuño dos axentes. Por iso, condena a José Ramón Abal a 180 euros de multa, a metade do que pedía o fiscal, por unha falta de desobediencia. Ademais, terá que pagar as costas do proceso.
O candidato de Cambados Pode negou reiteradamente os feitos e mesmo a través da conta oficial de Facebook da formación chegouse a asegurar que non se ía a celebrar ningunha vista. José Ramón Abal Varela obtivo unha acta de concelleira tras as eleccións do 24 de maio e nestes momentos é a chave de goberno en Cambados, onde o PP de Luís Aragunde perdeu a maioría absoluta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.