Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/10/2023 | Actualizada ás 15:24
Un equipo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) sintetizaron e caracterizaron farmacoloxicamente a colección máis ampla de cannabinoides sintéticos descrita ata a data. O estudo proporciona información nova e valiosa a axencias reguladoras e profesionais sanitarios para avanzar na detección, seguimento e control destes novos compostos que están a ser introducidos constantemente no mercado ilícito.
Tradicionalmente vendidos a través da Internet, en sobres (Spice, K2 e AK-47 ou Karat Gold) ou cigarros electrónicos, agora os cannabinoides sintéticos están a ser utilizados para adulterar o cannabis que se utiliza de forma ilícita. Os delincuentes adulteran os produtos de cannabis para maximizar os seus beneficios, engaden cannabinoides sintéticos ao matriz vexetal orixinal ou os mesturan con cáñamo industrial (con baixo contido de THC), que é barato e ten un aspecto similar ao da herba do cannabis ilícito. Oito Estados membros da Unión Europea veñen detectándoos dende xullo de 2020, “o que é preocupante debido aos datos de consumo deste tipo de produtos en Europa”, sinalan dende o equipo investigador.
Á falta de garantías intrínsecas do consumo de substancias de abuso súmase a complexidade da súa vixilancia e control. Xeralmente os cannabinoides sintéticos non se detectan durante os controis rutineiros das mostras de cannabis intervidas, sendo necesarias análises forenses e toxicolóxicas específicas. Doutra banda, debido á súa elevada potencia e eficacia, pequenas cantidades de cannabinoides sintéticos son suficientes para producir efectos similares ao THC. “Isto fai que sexa fácil enganar os distribuidores e os consumidores, que maioritariamente, cren que están a comprar cannabis de orixe natural”, sinalan.
PERIGOS
Un recente informe do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías destaca a súa preocupación pola proliferación dos cannabinoides sintéticos, “que constitúen o grupo máis numeroso e desafiante das substancias controladas por este organismo”, apuntan dende o equipo investigador. Deseñados para replicar os efectos do tetrahidrocannabinol (THC), principal compoñente psicoactivo do cannabis ou marihuana, os cannabinoides sintéticos superan significativamente ao THC en potencia e eficacia, producindo efectos adversos graves, como convulsións, psicoses, alucinacións, paranoia ou ataques de pánico.
Ademais, debido á súa alta toxicidade, estes compostos son responsables directos de numerosas intoxicacións e mortes en todo o mundo. Moitas destas novas drogas de deseño son comercializadas no mercado ilícito como alternativas legais ás substancias de abuso tradicionais, o que agrava un fenómeno que supón xa un serio problema de saúde pública debido ao perigo, accesibilidade e diversidade estrutural desas substancias.
"É especialmente preocupante comprobar que a gran maioría dos cannabinoides sintéticos utilizados como substancias de abuso nunca foron investigados pola comunidade científica ou a industria farmacéutica, o que significa que non se dispón de información sobre os seus perfís farmacodinámicos, farmacocinéticos e toxicolóxicos", sinala o profesor Eddy Sotelo, quen dirixiu esta nova investigación co obxectivo de estudar as propiedades farmacolóxicas e visibilizar os riscos asociados ao consumo de cannabinoides sintéticos.
O proxecto, que forma parte da tese de doutoramento da investigadora Claudia Gioé, foi publicado na revista Biomedicine & Pharmacotherapy, e é froito da colaboración entre persoal investigador do CiQUS, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e as facultades de Farmacia e Química da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén participan no estudo investigadores da Universidade de Barcelona e da Pontificia Universidade Católica de Chile. A colección obtida destaca pola súa diversidade, explorando novos elementos estruturais e evidenciando a importancia da configuración do centro estereoxénico presente nese tipo de composto
RISCOS
O estudo levado a cabo no grupo do profesor Sotelo proporciona información nova e relevante das propiedades farmacodinámicas e toxicolóxicas dos cannabinoides sintéticos, á vez que permite avanzar na comprensión das claves que rexen a interacción dos cannabinoides sintéticos cos seus receptores moleculares.
A caracterización exhaustiva desta colección evidenciou a notable neurotoxicidade de varios dos cannabinoides sintéticos analizados, o que podería estar relacionado cos efectos adversos descritos para os devanditos axentes. Doutra banda, no marco do estudo identificáronse 20 novos cannabinoides sintéticos que, á vista do seu perfil farmacolóxico (potencia e eficacia), poderían estar a ser utilizados como substancias ilícitas na actualidade ou que poderían ser introducidas no mercado ilícito no futuro próximo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.