Por M.V. | A Pobra do Caramiñal | 07/06/2015 | Actualizada ás 10:00
Corren tempos nos que cada vez máis internautas gardan os seus datos na nube. Con todo, a Internet móbil dista moitísimo de ser omnipresente en Galicia. De feito, moitas veces, nin sequera o é a cobertura da telefonía sen fíos.
Abonda con ir a aldeas do rural ou meterse en calquera bar da zona vella dunha cidade -coas súas casas de amplas paredes de granito- para quedarse con pouca cobertura -insuficiente para navegar- ou incluso sen conexión en absoluto. Nin que decir que o problema é aínda maior para os que navegan pola costa ou teñen que pasar o día traballando conducindo polo país adiante.
Algunhas operadoras sufren este problema de cobertura móbil máis ca outras. En termos xerais, Telefónica ofrece a mellor cobertura no rural galego e Orange -lastrada por ter empezado o despregue da súa rede catro anos máis tarde- a peor.
Para mellorar os problemas de cobertura, unha empresa galega -Galca Networks dende A Pobra do Caramiñal a través da tenda en liña CompraGSM- está a comercializar repetidores de sinal; con modelos compatíbeis coas redes de Orange, pero tamén con Movistar, Vodafone -que dá corbertura móbil ao operador galego R-, Yoigo, etc. Estes trebellos amplifican a sinal e auméntana en certa área, que loxicamente depende da potencia do amplificador.
Así, hai unha enorme diversidade de amplificadores en función das súas prestacións. Dende os máis baratos -a partir de menos de douscentos euros- para dar servizo a unha zona dunha casa; até os máis potentes -e de maior prezo, dende uns 500 euros- para ampliar a cobertura en todo un edificio, dun aparcamento, dun restauranete ou hotel, etc.
Ademais, existen repetidores tremendamente especializados, por exemplo adaptados específicamente a vehículos -capaces de alimentarse dende o mechero do coche- e tamén a todo tipo de embarcacións.
A instalación destes trebellos non é complicada. Existen en liña numerosísimos titoriais, como este, en vídeo que nos guian paso a paso:
Ademais, CompraGSM conta cun servizo de chat en liña en directo para solventar as posíbeis dúbidas tanto sobre a instalación como sobre que trebello se adecua máis as nosas necesidades.
Sen dúbida, unha gran noticia para os que non poden estar un segundo sen os seus datos, e unha mala para os que recurren ao clásico "perdoa non chamarte, pero non tiña cobertura".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.