Crise no sector da construción: a man de obra foxe na procura de mellores condicións

A patronal da construción leva tempo queixándose da falta de man de obra para o sector. A calidade de vida entre os e as traballadoras así como ser un sector laboral aínda resistente á incorporación da muller, fan que os índices de persoal na obra sexan cada vez menores. Por outra parte, a necesidade de cambiar ritmos laborais e horarios parece ser outra posible resposta á carencia de persoal.

Por Moncho Mariño | Santiago | 02/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha análise feita polo grupo Manpower Group sinala que máis da metade das empresas de construción en todo o Estado necesitan man de obra, en maior ou menor número. A tendencia a perder traballadores e traballadoras nesta área laboral comezou coa crise de 2008, cando a burbulla inmobiliaria estoupou. A partir de aí, moitas empresas, contratas e subcontratas pasaron a abrir EREs ou directamente pechar, deixando un número importante de desempregados. A pesar dunha certa recuperación no sector, as empresas quéixanse da pouca dispoñibilidade de persoas cualificadas e non cualificadas para cubrir os postos de traballo necesarios que permitan atender as demandas actuais.

Un obreiro durante a construción
Un obreiro durante a construción | Fonte: Europa Press

PREFERENCIAS POR OUTROS TRABALLOS

A crise da construción e a subsecuente perda de postos de traballo “en masa” demostrou que o sector xa non era unha saída laboral segura, algo que en anos anteriores si fora e que ademais absorbía gran cantidade de xente. As empresas que soportaron a tormenta económica, recorreron durante varios anos a recortes salariais, EREs e á reforma laboral de 2012 que “axilizaba” algúns aspectos como indemnizacións por despedimento, horarios laborais e outros puntos.

“Logo da crise moi pouca xente que antes traballara na construción volveu ao sector. Os salarios non son dignos, as subas son ridículas con respecto o IPC” di Plácido Valencia da CIG. En tal caso, a suba do IPC afecta a todos os sectores económicos por igual, mais os motivos polos que realmente os antigos albaneis, os especialistas en encofrado, etc., foron encontrando outras saídas laborais que lles permitiron, segundo as fozas sindicais, ter máis calidade de vida en canto tempo libre, tempo coa familia e cercanía co punto de traballo.

“Existe unha carencia tanto de profesionais como de aprendices e para iso un elemento fundamental é a formación” di Javier Carreira, de UGT. Coa formación de persoal en institucións como a Fundación Laboral da Construción, a pretensión é que os e as novas aspirantes non entren nas mesmas condicións que se entraba até hai pouco tempo. A entrada dunha persoa no sector era como “pinche”, quen limpaba e daba servizo aos demais até que chegaba á condición de oficial.

Tamén existe a idea da alta sinistralidade no sector. Sobre este punto, Alejandra Gesto, de CCOO, destaca que “Galicia é a comunidade onde se rexistraron menos accidentes laborais en España, con todo, é nas obras en vivendas unifamiliares onde se rexistran máis accidentes moitos deles afectando a traballadores autónomos”. Sobre a falta de cultura de seguridade laboral, Gesto destaca que “a maioría das empresas seguen as normas e mesmo son as que sinalan a necesidade de botar do sector a aquelas que non as cumpren”.

Fernando García Novo, xerente da Fundación Laboral da Construción, destaca que en Galicia hai 85.000 traballadores no sector da construción dos que “un 10% teñen máis de 55 anos” que en dez anos ou máis poden retirarse, rebaixando o número de traballadores. “En 2008 a crise deixou o número de traballadores en mínimos históricos e hoxe en día entre 1.400 e 1.500 traballadores se retiran cada ano”. A día de hoxe, entre 20.000 e 25.000 persoas serían necesarias para cubrir as necesidades das empresas construtoras en Galicia. A isto García Novo engade o avellentamento da poboación ademais “de que o 50% do mercado laboral, as mulleres, non se teñen integrado plenamente a este sector”.

POSIBLES SOLUCIÓNS

A entrada de man de obra nova na construción pasa tamén por cambios dentro dos labores propios do sector. “Existe un alto grao de mecanización que elimina en parte a figura do peón” di García Novo. “Hoxe por hoxe existen moitos elementos prefabricados, hai unha ampla gama de maquinaria que elimina tarefas antes feitas por unha persoa”, de aí que a demanda actual pase por buscar especialistas e estes especialistas deben estar formados. “A sociedade non ve aínda a creación dunha FP para a construción, e aínda que existen proxectos formativos non abonda para cubrir a falta de man de obra”.

A crise de 2008 foi a que “levou” a moitas persoas empregadas na construción cara outros sectores pasado o tempo. Boa parte deles eran xente ben formada que agora, pasado o tempo, non queren deixar postos de traballo que lles permiten unha calidade de vida que antes non tiñan. “Debemos incentivar melloras nas condicións laborais para permitir a conciliación familiar, algo polo de agora difícil de ter” apunta Carreiro. “Debemos fomentar a formación dual permitindo cobrar un salario mentres se está aprendendo”.

“A formación dual significa que o 75% do tempo será para formación práctica e o 25% para teórica”, di Plácido Valencia. “O que sucede moitas veces é que os aprendices están o 100% do tempo traballando e logo a parte teórica é baixar un pdf dunha web para aprender a teoría”. Ademais, as persoas que entran agora no mercado laboral son, en gran parte, maiores de vinte anos “que buscan unhas condicións dignas para seren independentes”. Con isto, ven necesario un mellor control sobre a formación do e da traballadora, que non sexa unha excusa para realizar un traballo por debaixo das condicións de convenio.

Para Alejandra Gesto coa chegada dos Fondos Next Generation “pode haber moito traballo na construción e poderá haber máis man de obra cualificada”. Á parte disto, lembra que existe unha ligazón importante entre o sector e o do “emprego verde” porque “o 70% dos residuos veñen da construción” e poden reciclarse na economía circular. Con todo, está certa que se non hai máis xente nova no sector, este pode ver como o seu crecemento frea. “Ademais, sería bo que houbese un cambio de mentalidades para podermos aplicar xornadas continuas e así os e as traballadoras puidesen ter tempo para conciliar”.

A caída da man de obra na construción explícase en parte polo temor a unha nova burbulla inmobiliaria como a de 2008 que deixou na rúa a moitos profesionais. A maioría encontraron traballo co tempo noutros sectores e o cambio de calidade de vida foi enorme. Doutra parte, hai moitos anos que a construción deixou de ser atractiva como unha saída laboral para moita xente nova. As solucións dependerán das políticas sociais, laborais e económicas que se apliquen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta