Os mariscadores da ría de Ferrol completan unha boa campaña de extracción de vieiras: 57.000 quilos no que vai de ano

Isto supón un beneficio duns 224.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 07/11/2023 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

Os mariscadores da ría de Ferrol que están a participar actualmente na campaña de extracción de vieiras lograron completar as cotas diarias e, ademais, as unidades extraídas "son de boa calidade". A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do patrón maior da confraría de Barallobre (Fene), Jorge López, desprazouse na mañá deste martes ao peirao do depósito fenés para interesarse polo desenvolvemento da campaña, na que participan socios desta confraría ademais dos de Ferrol e Mugardos.

A día de hoxe, son dez as embarcacións que están a participar nesta campaña, que comezou hai unhas semanas e que se prolongará ata o próximo 16 de novembro. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro autorizou un tope máximo de extracción de 2.400 quilogramos ao día, ao que se está chegando, e que están a ser adquiridos de forma íntegra pola empresa Artesa Rías Baixas S.L., de Barro (Pontevedra), que se encarga da evisceración deste bivalvo e posterior comercialización.

CONTROIS

Os labores de extracción son controladas directamente por persoal do Servizo de Gardacostas da Xunta, que precinta os vehículos nos que se transporta a vieira debidamente acondicionada ata a planta de evisceración. Posteriormente, para que este bivalvo poida comercializarse, debe eliminarse a hepatopáncreas, branquias e outros tecidos brandos.

Aneiros detallou que esta vieira é "un recurso de primeira calidade capturado nun enclave privilexiado como son as rías galegas" e lembrou que o seu aproveitamento na ría de Ferrol "non se desenvolveu de forma continuada nos últimos anos, xa que a extracción de vieira está condicionada polos niveis de toxina ASP".

Pola súa banda, Jorge López detallou que desde a lonxa de Barallobre comercializáronse no que vai de ano 30.000 quilos de vieira por un importe de 127.000 euros, mentres que Aneiros apuntou que no cómputo total da ría de Ferrol foron máis de 57.000 quilos de bivalvo extraídos este ano e un capital mobilizado de preto de 224.000 euros.

Utensilios de extracción de ameixa na ría de Ferrol
Utensilios de extracción de ameixa na ría de Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta