A auga centrará a nova candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

A Xunta impulsa un encontro internacional e anima a configurar grupos de traballo sobre as "paisaxes da auga".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2023 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

A Xunta relanzou este martes a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial coa lectura dun manifesto en defensa do patrimonio cultural asociado á auga, elemento "intimamente ligado" á comarca que aspira a ser recoñecida pola Unesco.

O Parador de Santo Estevo, no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín, acolle desde este martes ata o mércores un encontro internacional que reúne a 30 expertos e co que se pretende "revitalizar" a candidatura da Ribeira Sacra despois de que Xunta e Goberno decidisen retirala tras un informe negativo dun organismo asesor da Unesco.

Para iso, o Goberno galego promoveu unha declaración que pon o foco na auga como elemento definitorio da Ribeira Sacra. "Esta é unha comarca de máis de 180 quilómetros que está intimamente ligada á cultura da auga e que conta cun profundo legado patrimonial, histórico, arqueólogo e etnológico que traballamos para pór en valor e protexer", afirmou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Así pois, o texto avoga, como recolle un comunicado da Xunta, por implantar unha veitena de recomendacións para potenciar a candidatura a través da organización de "diálogos intersectoriais, foros, encontros e contribucións científicas específicas" que aposten por "preservar o legado" dunha paisaxe marcada polos cursos do Sil e o Miño.

Vista xeral do río que pasa pola aldea de San Xiao, situada na Ribeira Sacra
Vista xeral do río que pasa pola aldea de San Xiao, situada na Ribeira Sacra | Fonte: Arquivo E.P.

"PAISAXES DA AUGA"

Tamén anima a configurar grupos de traballo sobre as "paisaxes da auga", intercambiar "orientacións", "casos de estudo" ou "experiencias" para lograr un "enfoque inclusivo" para incentivar a inscrición de "novos elementos" nas listas de Patrimonio Cultural Inmaterial e no Rexistro de Boas Prácticas.

Ademais, apela a conseguir unha lista de Patrimonio Mundial "máis representativa, equilibrada e crible" a través de novas candidaturas asociadas á auga, á vez que recomenda a gobernos e administracións "identificar e preparar inventarios destas paisaxes e do patrimonio vivo que está presente en cada territorio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta