Sanidade defende o seu Plan galego de Saúde Mental "con 240 prazas creadas e o 91% cubertas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, destacou este mércores que as 240 prazas do Plan galego de Saúde Mental xa están creadas e que un 91% xa foron cubertas. Ademais, subliñou o "esforzo" realizado na formación sanitaria especializada, co obxectivo de ter máis prazas ofertadas.

Así o manifestou este mércores en resposta a unha interpelación formulada polo deputado socialista Julio Torrado, quen advertiu da "situación problemática" desta rama da saúde. "En Galicia hai un triplo problema de recursos humanos, de modelo asistencial e de infraestruturas e en ningún deles imos todo o avanzados que deberiamos", asegurou o parlamentario socialista.

Na súa intervención, o conselleiro dixo que tras mellorar os cocientes en profesionais de psiquiatría e psicoloxía, Galicia segue traballando na incorporación de profesionais de saúde mental. Así, lembrou que na comparecencia de orzamentos avanzou que para o ano 2024 vanse a incorporar 17 prazas máis, de forma que se chega ás 240.

"Se vemos os orzamentos do ano 2024, as 240 prazas comprometidas no Plan galego están creadas. E grazas a esas prazas podemos pór en marcha unidades de saúde mental como as de Tui, Ordes, Oleitos ou Ponteareas ou asignar no 2024", manifestou.

CRÍTICAS DOS SOCIALISTAS

Pola súa banda, o portavoz de sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou este mércores á Xunta que reforce o servizo de saúde mental, garantindo ademais que estea vinculado de forma integral á Atención Primaria. Ademais, advertiu da existencia de "listas de espera de catro meses" e acusou á Xunta de levar anos sen convocar todas as prazas de formación de profesionais sanitarios que ten habilitadas.

CONSULTORIO DE GOIÁN, EN TOMIÑO

Ademais, en resposta a unha pregunta formulada polo deputado nacionalista Luís Bará, o conselleiro de Sanidade, deixou claro que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "non ten ningunha intención de deixar de prestar atención" no consultorio de Goián e atribuíu o feito a que leve sete meses pechado, como denuncia o BNG, a que "o profesional do centro" está en situación de incapacidade temporal.

O conselleiro de Sanidade na xornada Saúde Mental
O conselleiro de Sanidade na xornada Saúde Mental | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta