Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 15:12
A illa de Tambo abrirase á cidadanía como un espazo onde celebrar congresos, organizar noites de aventura para os máis pequenos, visitar praias de forma libre ou gozar de concertos ou do atardecer nun anfiteatro. Trátase dalgunhas das propostas que contempla o plan de usos para a illa, presentado este mércores polo alcalde de Poio (Pontevedra, Anxo Moldes, e os arquitectos Serxio Portela e Juan Portela.
Segundo resaltou o rexedor, este plan de usos é un documento "fundamental" para desenvolver proxectos que poñan en valor o lugar "respectando o seu pasado e pensando no futuro". Nas súas palabras, a meta é "conservar a illa e facela disfrutable dunha maneira completamente sustentable, garantindo en todo momento a súa preservación e respectando a súa historia".
Serxio Portela, autor do documento, explicou que o obxectivo principal é "garantir a conservación e protección dos recursos naturais, culturais e inmateriais deste espazo" e promover tamén "novos usos" de acordo co carácter público do lugar aínda que o acceso a Tambo "sempre estará controlado".
Ao longo dos dous anos e medio de traballo que levou a elaboración deste documento estudouse o proceso vivido noutras illas "para saber onde non podiamos cometer erros que xa se cometeron noutros lugares".
Así, o plan "non só contempla unha reserva natural" senón que tamén introduce uns "servizos educacionales e socioculturais", apuntou Serxio Portela. "Hai unha cousa que ten este proxecto que é sentido común e que atende a todas as vertentes", destacou o arquitecto. Serxio Portela afirmou que "a foresta que hai na illa é un pouco desastrosa", xa que o 95% da superficie está ocupada por eucalipto branco (Eucalyptus globulus) e un 3% por acacia negra australiana.
O documento elaborado recolle o proceso de recuperación no que "se pensa facer unha transformación moi paulatina cara a unha flora autóctona potenciando a biodiversidade", e, para iso, "buscarase a colaboración de expertos", como pode ser o Centro Forestal de Lourizán. A intención do Concello de Poio é integrar este Plan de Usos na documentación técnica necesaria para tramitar a solicitude de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.