Das regueifas ao 'Freestyle', a disciplina da improvisación emerxente en Galicia

Con Gallos del Norte e diferentes freestylers do panorama galego analizamos o momento que vive este tipo de rap en auxe.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 13/11/2023 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

Imos poñervos en contexto, que é iso do ‘freestyle’? Este anglicismo defínese como un tipo de rap onde as letras son improvisadas e flúen de modo libre sen composición previa. As batallas de galos teñen implícita esta disciplina de improvisación, pero supón un enfrontamento verbal. Deste modo, o freestyle é diferente e non implica ter que insultar a ninguén. En Galicia este termo está á orde do día porque é unha terra de ‘freestylers’ e a cidade de Santiago de Compostela acolleu recentemente unha xornada da FMS (Freestyle Master Series), a liga profesional de freestyle en España. Máis de 3000 persoas se deron cita para vivir de preto o espectáculo. 

Un taller de Gallos del Norte nunha escola
Un taller de Gallos del Norte nunha escola | Fonte: Gallos del Norte

De feito, ‘Galicia rima unida’ é o lema de Gallos del Norte, “a primeira plataforma de freestyle autonómico de España” segundo afirma o seu CEO, Álvaro Pumares. É unha alianza entre organizacións, perfís audiovisuais e artísticos, xa que aglutina aos principais freestylers galegos. Álvaro é xornalista e creou Gallos del Norte movido pola súa paixón polo rap e polas posibilidades que oferta esta área da improvisación en Galicia. “Fixemos os primeiros obradoiros de freestyle e improvisación aplicada a xente non necesidades especiais no campamento de verán da ONCE”, destaca Pumares, sobre unha plataforma que amosa o lado máis educativo e social  do freestyle “de Galicia para o mundo”. 

 

Algúns dos nomes que integran Gallos del Norte e que se dedican ao freestyle son: Le33, O Pirata, o speaker Claudinho, Force ou o Dj Affair. Con eles coñecemos mellor este proxecto e repasamos os estereotipos que seguen imperando dentro desta disciplina artística.

 

O FREESTYLE COMO FERRAMENTA SOCIAL

Gallos del Norte cantando cos rapaces
Gallos del Norte cantando cos rapaces | Fonte: Gallos del Norte

 

Que pensan os freestylers de Gallos del Norte? Le33 destaca que esta plataforma permite concienciar e loitar contra os estereotipos. “Pode que haxa un freestyle máis da rúa, pero tamén outro máis intelectual e con espectáculo”, di e sabe que “aínda queda moita xente que non é consciente”. 

 

“Estou orgulloso de formar parte de Gallos del Norte porque por un lado ten unha función musical, de “apoiar aos rapeiros, djs e speakers na súa andaina profesional; e por outro lado, a función social con talleres en escolas, abordando temáticas como o bullying con rapaces”, afirma Dj Affair que ve o freestyle como “unha vía de escape para expresarse” ou incluso emprega o termo “rimaterapia”. Pola súa banda o speaker Claudinho fala da plataforma indicando que marcou un antes e un despois a nivel autonómico e nacional e que apostou “por un produto noso” e por darlle ao freestyle “unha visión diferente a nivel cultural e como competencia comunicativa”. Cóntanos que isto xa era un método de expresión de antes, aínda que semelle novidade, xa se facía coas regueifas. “É unha terapia para xerar unha mensaxe e expresarse sen importar as xeracións porque é improvisar”, recoñece.

 

‘O Pirata’ é parte importante desta plataforma e, xunto a Pumares, queren levar a cabo unha iniciativa de batallas en diferentes linguas apelando ao carácter universal da música. “Eu improviso en galego e sinto que podo universalizalo e achegalo a outras linguas co freestyle, que alguén tire rimas en euskera e se lle conteste en portugués”, apunta O Pirata, que fai rap en galego, para Pumares é “a cara do freestyle en galego”. 

 

“OS RAPEIROS SÓ INSULTAN AO PARENTE CON TON AGRESIVO"

 

Pumares apunta entre os principais prexuízos da xente de fóra do freestyle o idadismo. “Por ser xente nova os que estamos nisto, parece que os de 40 ou 50 te miran por riba”. Santi ‘O pirata’, freestyler que rima en galego, asume que os estereotipos sempre van estar coma todo e que haberá momentos no que a xente “se dea conta de que non son verdade”. 

 

“Ven aos rapeiros e xa pensan que van con roupa ancha, cadea, que consumen drogas…” dinos o freestyler e creador de contido e freestyler, Force de ‘Free talks’ e afirma que ante isto “eu son todo o contrario e considérome rapeiro”. Dentro de Gallos del norte tamén está o speaker Claudinho que entre os estereotipos fai referencia á importancia das figuras femininas, nunha disciplina onde hai poucas mulleres, porque “axudaría a transmitir outras mensaxes e non se repetiría o mesmo discurso”. Mencionou nomes coñecidos das disciplina como o de Sara Socas, ou outros como Erika dos Santos ou Azuky.

 

Pola súa parte o lucense, Le33 destaca que “queda moito para chegar a esa mentalidade de que o freestyle é unha expresión de arte”, pero afirma que a súa avoa di que oxalá tivese na súa época esta oportunidade. Dj Affair quere expresar que hai que romper con esa concepción de que “os rapeiros só insultan ao parente con ton agresivo” e pon de manifesto o exemplo de Bnet, un rapeiro que é “todo o contrario e cambia o prisma da xente”.

A plataforma Gallos del Norte nun obradoiro dirixido á mocidade
A plataforma Gallos del Norte nun obradoiro dirixido á mocidade | Fonte: Gallos del Norte
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta