Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/11/2023 | Actualizada ás 12:36
O líder do PSOE e candidato á investidura, Pedro Sánchez, e o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, reivindicaron este xoves o acordo selado polos socialistas e os nacionalistas galegos e apelaron ao cambio na Xunta nas próximas eleccións autonómicas.
En primeiro lugar, Néstor Rego, que asegurou que a súa formación será "esixente" no cumprimento, sacou peito do acordo alcanzado co PSOE para "avanzar en dereitos" en Galicia ao sinalar que "xera un compromiso" do Goberno central con todos os galegos e fala de asuntos como a condonación da débeda que "triplicou" Feijóo como presidente da Xunta, de infraestruturas e de medidas sociais.
Tras citar diferentes medidas incluídas, Rego asegurou ser consciente de que un goberno do PP en Galicia "non fará nada" por reclamar as competencias pendentes. Por iso, dixo que a súa formación traballa para que despois das próximas eleccións autonómicas haxa un goberno na Xunta liderado polo BNG.
RESPOSTA DE SÁNCHEZ
Pola súa banda, na súa quenda de réplica, o candidato á investidura e presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, asegurou que o pacto entre socialistas e nacionalistas "repara os anos de retrocesos que sufriu Galicia cos gobernos conservadores" tanto na propia comunidade como no Estado.
Así, sinalou que a pesar de que o PP tivo "tantos dirixentes galegos" gobernando, non tivo "sensibilidade" con Galicia e volveu a criticar o aumento da débeda durante a etapa de Feijóo como presidente da Xunta e censurou tamén a perda de empregos. "A desidia e a falta de compromiso do goberno autonómico e a nivel estatal do PP foi total", insistiu Sánchez, que acusou ao PP de pechar "138 colexios públicos" e de "non construír nin unha soa residencia pública para maiores" nesta etapa.
Fronte a iso, puxo en valor o "esforzo investidor" do seu Executivo, un "18,6%" maior ao a consignada por Rajoy nas contas de 2018. "Un esforzo investidor en Galicia que permitiu cumprir con demandas históricas", dixo para referirse ao AVE, ás bonificacións da AP-9 e á reconstrución dos viadutos da A-6, entre outras cuestións.
Ademais, afirmou que "ante a ausencia total de investimentos industriais" por parte do PP, o Goberno tratou de "compensar esa carencia" e sacou peito tamén do acordo entre os traballadores e a empresa Alcoa para "evitar o peche da planta" pese ao "nulo compromiso da Xunta".Tras iso, Sánchez citou varios dos puntos incluídos no acordo, como os que contemplan a construción dos xulgados, para finalizar apelando ao cambio no goberno galego. "Oxalá tamén ese cambio chegue á Xunta e podamos impulsar a axenda de transformacións que necesita Galicia", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.