O autobús de Alfonso Rueda non parará en Castro Caldelas ante a negativa da alcaldesa

Os populares ourensáns e galegos lamentaron a súa actitude por "impedir o contacto directo de Alfonso Rueda cos veciños da localidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2023 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

O PP denunciou este venres, a través dun comunicado, que o autobús 'Galicia non para', co que o presidente popular, Alfonso Rueda, está a percorrer a comunidade, "non poderá facer parada este domingo en Castro Caldelas". Segundo aseguraron, a alcaldesa socialista Sara Inés Veiga "denegou á empresa propietaria do autobús a autorización para ocupar a vía pública", unha resolución que "só trasladou de forma verbal, a pesar dos intentos por varias vías de obter unha contestación por escrito".

Os populares ourensáns e galegos lamentaron "a actitude da alcaldesa en tanto que está a impedir o contacto directo de Alfonso Rueda cos veciños da localidade, demostrando ter unha idea moi afastada do verdadeiro significado da democracia", critican.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita Malpica de Bergantiños (A Coruña) co autobús de 'Galicia non para!'.. PPDEG
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita Malpica de Bergantiños (A Coruña) co autobús de 'Galicia non para!'.. PPDEG

O PSdeG-PSOE de Ourense acusou ao Partido Popular e a Alfonso Rueda de ser uns "trileiros profesionais" e de estar "instaurados na procura continua de confrontación", á vez que defenderon a decisión da alcaldesa de Castro Caldelas de non permitir a presenza do autobús de Rueda este domingo na localidade que, lembra, "está a unha semana de eleccións municipais", polo que sería "electoralista". Os comicios locais, anulados no seu día tras romper a cadea de custodia dos votos por correo, repetiranse o vindeiro domingo, polo que a visita esta semana do autobús de Rueda "é un acto puramente electoralista, co que buscan rascar votos, a pesar de que a xunta electoral decidiu que non se celebrase campaña electoral nestes comicios".

Os socialistas esíxenlle ao populares "xogo limpo" e denuncian que ter ao Partido Popular por Castro Caldelas "convidando a cañas, montando carpas e facendo propaganda é unha mostra máis de que os populares seguen instaurados no caciquismo e clientelismo, co único obxectivo de comprar votos". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta