Por Galicia Confidencial | Lugo | 24/06/2015 | Actualizada ás 14:20
“Poñer fin aos recortes que afogan a economía produtiva de Galiza e presentar ao Parlamento no prazo de 15 días, para a súa eventual aprobación, dunha batería de instrumentos financeiros para apoiar os investimentos e o funcionamento operativo dos autónomos, dos emprendedores e das pemes”. Ese é un dos obxectivos que procura o grupo político Cerna a través da deputada Consuelo Martínez.
Por iso, presentou unha iniciativa na Cámara galega na que instar ao Goberno do Estado a que de xeito inmediato, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, equipare o réxime fiscal e da Seguridade Social dos autónomos ao existente en Franza ou Reino Unido, rematando coa actual situación que os sitúa á cabeza da Unión Europea en esforzo fiscal e custes de SS.
A deputada do Grupo Mixto lembra que fiscalidade das persoas autónomas á SS é das máis caras de Europa e “está a provocar a ruína dunha grande parte de traballadores”. E é que, o Estado español é un dos que máis cargas impositivas impón aos autónomos, cun 30% de base de cotización, fronte ao 15% de media en Francia ou o 8% no Reino Unido.
Así, lembra que as persoas autónomas do Estado Español teñen denunciado a través das súas asociacións que a fiscalidade e as cotizacións á SS son as máis caras de Europa, “o que está a frear o emprendemento e mesmo a provocar a ruína dun grande número de traballadores cuxa actividade sería viábel en calquera outro país da UE”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.