Os bombeiros comarcais recrúan as súas protestas: acampada en Santiago e folga de fame nos parques

Acordan unha batería de medidas ante o "bloqueo" das administracións que inclúen levar o seu caso a Fiscalía, Defensor do Pobo e inspección laboral.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/11/2023 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

Os bombeiros comarcais, que levan en folga desde o pasado 15 de xuño, decidiron recruar as súas protestas ante a falta de avances na negociación con Xunta e administracións. Entre outras medidas, comezarán unha acampada de forma indefinida en Santiago e anuncian que comezarán unha folga de fame en todos os parques como medida de presión no momento no o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, convoque eleccións autonómicas.

A este acordo chegaron nunha asemblea celebrada en Santiago na tarde do luns, na que tamén se aprobou levar o seu caso ante a valedora do Pobo, o Defensor do Pobo e o Ombudsman da UE. Ademais, denunciarán ante Fiscalía a situación ocasionada polos 450 peches de parques nos últimos meses, así como alertarán a inspección laboral de todas as irregularidades como paso previo a unha demanda xudicial polas carencias neste aspecto. Nun comunicado, o comité de folga critica o "bloqueo" de Xunta e deputacións para alcanzar avances. Os bombeiros aprobaron, por unanimidade, unha solicitude formal de cesamento do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, por "estar a bloquear e distorsionando a información que traslada aos responsables políticos dos consorcios provinciais de bombeiros".

Así mesmo, advirte que se fará "un seguimento das axendas" dos líderes políticos das entidades que conforman os consorcios provinciais. Igualmente, os bombeiros avisan de que seguirán sen facer horas extra para evidenciar a falta de persoal. Sinalan que calquera traballador por quenda que non estea a facer labores establecidos como "servizo mínimo" poderá secundar a folga se así o decide. Tampouco participarán en actividades formativas da Xunta ou deputacións. Xunto a isto haberá un fondo de continxencias a nivel autonómico participado por todos os traballadores.

PROTESTA

Centenares de bombeiros comarcais en folga manifestáronse polas rúas de Santiago o pasado venres nunha mobilización que terminou na Praza do Obradoiro cun deles queimándose ao bonzo. Esta 'performance' contou con dous membros disfrazados do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, que foron os encargados de prender lume a un home vestido con traxe ignífugo.Os bombeiros comarcais reclaman un convenio colectivo a nivel autonómico, maior dotación de medios técnicos e de recursos humanos, así como emprego fixo de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022.


Protesta de bombeiros comarcais queimándose ao bonzo en Santiago / E.P. / Europa Press
Protesta de bombeiros comarcais queimándose ao bonzo en Santiago / E.P. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta