A Xunta insiste en defender ante o Constitucional as súas "competencias plenas" para ordenar o litoral de Galicia

Ángeles Vázquez e Alfonso Villares reúnense con alcaldes da Mariña para expor a estratexia fronte ao recurso do Goberno

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 21/11/2023 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

A Xunta insistiu este martes en que defenderá ante o Tribunal Constitucional (TC) as súas "competencias plenas" para a ordenación do territorio de Galicia, incluído o litoral, e ratificou que traballa "intensamente" na preparación das alegacións ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra a lei galega de ordenación do litoral. Así o trasladaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nun encontro mantido con alcaldes e representantes municipais da comarca da Mariña de Lugo, no que analizaron a estratexia galega para facer fronte a ese recurso estatal.

Os conselleiros Ángeles Vázquez e Alfonso Villares./ XUNTA DE GALICIA / Europa Press
Os conselleiros Ángeles Vázquez e Alfonso Villares./ XUNTA DE GALICIA / Europa Press

Os conselleiros lembraron que o ditame do Consello Consultivo de Galicia avala a potestade da Comunidade Autónoma para lexislar neste ámbito, e remarcaron que o informe do Consello de Estado (no que se basea o recurso de inconstitucionalidade) "recoñece que pode haber instalacións do complexo mar-industria en terreos de dominio público marítimo-terrestre, en contra do alegado en todo momento polo Goberno central". Nese sentido, incidiron en que o ditame tamén avala o obxectivo da norma autonómica de regular os usos posibles no litoral, para harmonizar os intereses económicos coa protección ambiental. 

RECURSO "TOTALMENTE ARBITRARIO"

Ángeles Vázquez volveu a lamentar que o recurso interposto polo Goberno é "totalmente arbitrario", como demostra o feito de que a Galicia "se lle pretenda esixir unha reforma do Estatuto de Autonomía para ceder os medios persoais e materiais para a xestión do litoral, mentres que ao País Vasco vaillos a entregar sen esa modificación". Algo que a conselleira atribuíu ao acordo de investidura entre PSOE e PNV, xa que os estatutos de ambas as Comunidades "son idénticos".

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pola súa banda, criticou que "non ten nin pés nin cabeza" que se lle entregue a outras Comunidades "o que se lle nega a Galicia", nun "novo agravio comparativo" que se suma a outros "feitos inexplicables", como que o Goberno de España insista en "lastrar" o consumo de produtos da pesca e a conserva ao negarse á baixada do IVE, ou que "engane" ao sector con "promesas" mentres segue sen poder acceder ás axudas do Perte. Villares subliñou que a lei galega do litoral sitúa á xente do mar como esencial e busca o equilibrio entre o desenvolvemento socioeconómico e a protección ambiental, mentres que "parece que a intención do recentemente investido presidente do Goberno é evitar que Galicia defenda os seus sectores produtivos esenciais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta