Pontón, elixida por terceira vez como candidata do BNG ás eleccións galegas: "Estou preparada"

Concorreu como cabeza de lista do Bloque nas eleccións de 2016 e 2020. Aposta por apartarse das "batallitas madrileñas" de PPdeG e PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 25/11/2023 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quedou formalmente proclamada candidata á Presidencia da Xunta para as eleccións, "se convoquen cando se convoquen", unha cita na que non se estrea pero á que acode coa convicción de que está "máis preparada" que nunca e de que son as eleccións nas que se pode culminar o "cambio" e situar a unha "presidenta coas mans libres". Son as terceiras eleccións nas que Pontón vai como candidata do BNG tras os comicios de 2016 e 2020.

"É o momento do BNG", salientou ante o Consello Nacional, o máximo órgano de decisión entre asembleas que, cun sonoro aplauso, deu por concluído un proceso no que logrou practicamente o cento por cento dos apoios das case 3.000 persoas que participaron nas asembleas comarcais.

Pero a líder nacionalista avisa de que o logro de alcanzar a Xunta non depende dunha persoa, senón do "equipo", respecto diso do que afirmou que o do BNG é o "mellor". E isto, nun contexto no que mirou ao pasado e ao futuro para advertir de que o "BNG é hoxe a alternativa ao PP" porque "soubo facer as cousas", "acertou pondo o foco nos grandes retos do país", "ensanchou" as súas bases e "teceu alianzas".

"Ensanchamos e tecemos alianzas, agora estamos na recta final para lograr o obxectivo de liderar a Xunta. Isto non depende dunha persoa, senón do traballo (de todos)", salientou, para apelar a simpatizantes, militantes e a todos os dirixentes a "pisar o acelerador".

FUXIR DAS "BATALLITAS ESTATAIS"

A portavoz nacional do BNG tamén advertiu de que "as forzas estatais" tratarán de trasladar a Galicia "as súas batallitas madrileñas", pero lanzou a mensaxe aos seus de que "non son as nosas" guerras nin as que "necesita este país", unha mensaxe co que, ao cabo, chama aos nacionalistas galegos a tratar de eludir o contexto e as mensaxes que emanen das direccións estatais dos demais partidos e buscar o foco nas cuestións que estean intimamente ligadas ao territorio galego.

Pontón indicou que se as forzas estatais levan ás eleccións galegas as "batallitas" é porque "no fondo Galicia non lles importa e non teñen un proxecto que ofrecer aos galegos". "E por iso, o BNG lidera a alternativa", dixo, para salientar que "é o momento do BNG" para un goberno "sen submisión, sen ataduras e é o momento de facer historia cunha muller presidenta libre para defender aos galegos".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, proclamada candidata á Presidencia da Xunta para as eleccións galegas de 2024
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, proclamada candidata á Presidencia da Xunta para as eleccións galegas de 2024 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta