Do colonialismo "negro" ao colonialismo "verde"

Vou poñer en contexto o que esta a pasar en As Pontes, a miña vila, para tratar de atopar unha explicación a toda esta fenomenoloxía agachada tras do eufemismo da "transición xusta" que non é mais que un engano do capitalismo, que necesita dunha mutación da industrialización nos países máis desenrolados para seguir perpetuando a súa dominación sistémica.

Por Fermín Paz | As Pontes | 27/11/2023

Comparte esta noticia
Nesa formulación inicial están as claves para comprender a explotación colonial na  nosa Terra. As tecnoloxías non son neutrais, nin están a servizo de toda a humanidade e por esa razón a maioría dás veces son ferramentas do poder. Quen dispón delas ou pode mercalas, ten todas vantaxes para manter a hexemonía. Ás formas tradicionais de colonialismo e imperialismo vinculadas aos combustibles fósiles están a ser substituídas na actualidade para facilitar unha transición enerxética e a mobilidade eléctrica. Mais lonxe de traer un cambio de modelo, estas prácticas dan continuidade ás tradicionais formas de acumulación por aproveitarse dos demais, e profundan nas dinámicas de explotación do capitalismo transnacional, apoiadas polos estados e as grandes multinacionais.
 
Así as cousas, se se utilizan os mesmos métodos que se empregaron historicamente coa xeopolítica do petróleo, o futuro non será nada bo. EEUU segue sendo a principal potencia económica, tecnolóxica e militar do mundo, pero dispón de poucos xacementos  dos minerais críticos e terras raras e é un imperio en decadencia nun mundo multipolar. Hai outros actores emerxentes que queren disputar a  súa hexemonía política-militar e as influenzas, namentres Europa parece renunciar a calquera intento de actuar como un centro de poder autónomo e pecha filas −como se está comprobando na guerra de Ucraína e a destrución de Gaza polo goberno de Israel para facer inviable o Estado Palestino− coa OTAN como ferramenta principal para facer valer os intereses de Occidente. A agudización das rivalidades interimperialistas e a proliferación de todo tipo de conflitos violentos aparecen como unha posibilidade cada vez máis próxima mentres os procesos de deterioración ecolóxica seguen o seu curso e imos cara o abismo e non sabemos se teremos posibilidades de frear antes de darnos de novo outra quenta mundial coas armas de hoxe e os métodos de combater. 
 
As Pontes, como outros territorios antes, agora  e despois, se non lle poñemos remedio serviran como exemplo de "zonas de sacrificio” sometidas ao extractivismo cando foi convinte aos intereses das grandes corporacións que impoñen as súas regras nos espazos onde levaron a cabo a extracción da riqueza, da que se valen para minguar a capacidade de resposta dalgunhas organizacións sindicais, sociais e mesmo das Institucións grazas o seu colaboracionismo, dopaxe ou participación nas campañas mediáticas xeradoras dun ilusionismo para un "futuro" disque prometedor. Lémbrome agora de Ernesto Sábato cando sentenciaba que: "sempre tiven medo ao futuro, porque no futuro, entre outras cousas, está a morte". En consecuencia, a alternativa é sinxelamente, o agora. Eu non son negacionista do cambio climático mais tampouco son parvo para deixarme enganar polas medias verdades dun  novo  colonialismo "verde" asentado nas chamadas enerxías renovables xestionadas polas mesmas empresas  e multinacionais principais causantes do desastre ecolóxico mundial, de quen defende o desarrollismo sen máis e populariza o consumismo a calquera prezo e só lembra da solidariedade entre os seres humanos desde unha perspectiva da caridade, dalgunhas guerras namentres xustifica outras, quen sabe dos prezos de todo e os pode pagar mais carece de valores diante de calquera  inxustiza, quen cala diante dunha invasión irracional  do noso mar e os nosos montes de xeito sucursalista ,  quen usa os portos do Estado para levar carbon a veciñanza Europea que seguen a queimar ese combustible, quen a enerxía  nuclear nos di que agora temos que considerala como renovable, etc... As contradiccións na gobernanza son tantas que quixera explicalas cunha formulación sinxela:
 
Tese: as enerxías producidas por combustibles fósiles son as maiores causante do cambio climático,
 
Antítese: as enerxías verdes e renovables  son a mellor solución para loitar contra o cambio climático,
 
 
Sintese: producir enerxía en calquera das tecnoloxias hoxe operativas ademais de ser un "choio" é un dos contributos para que o Mundo  se vaia o carallo, eso si, algo mais amodiño.
 
No 1973, o proxecto de explotación da Mina de As Pontes estimaba unha extracción de 6 millóns de toneladas de carbón ao ano, e no 1974, Endesa xa mudou o  seu proxecto de primeiras para chegar aos 12 millóns de toneladas e así, garantir a produción de 1.400 MW na Central. No 1995, unha nova directiva europea impuxo outros límites nas emisións atmosféricas e dita empresa tivo que reformar a central e facer unha mestura para seguir co negocio enerxético en Galiza para  seguir a levar os seus beneficios cara a fora, cun 50% lignito local e  outro tanto con carbón de importación de menor contido en xofre, o que fixo que a mina volvese á súa produción de 6 millóns de toneladas anuais. No 1996 coa aplicación da Directiva 2001/80/CE que limitaba moito mais as emisións atmosféricas a partires do 1 de xaneiro de 2008 , a central térmica pasou so a consumir carbón de importación, polo que a finais de 2007 a mina das Pontes rematou de explotar o xacemento de lignito pardo.
 
No 1997, xa tivemos a sospeita do que ía a pasar tanto coa privatización de Endesa quen precisaba aproveitarse de tal medida e da reordenación do sector eléctrico español (o empresariado estatal e internacional ), e tamén dos prexudicados (a clase traballadora e os diferentes pobos e territorios), e por iso fixemos a resistencia precisa que nos permitiu chegar ata hoxe.
 
 Como noutro artigo xa falei do que supuxeron estas dúas medidas (privatización e reordenación societaria da empresa), hoxe, centrareime na necesidade que temos en As Pontes e na Galiza para non seguir comungando coas rodas de muíño desta nova reconversión industrial. Pois ben, no caso de estar de acordo con esta premisa a alternativa non pode ser consentir a demolición e a fuxida da Empresa facendo caixa con tódolos activos e recursos cos que conta neste pobo. A representación sindical e política deben defender e construír unha nova ferramenta para resistir diante da desfeita, loitando ata acadar un novo acordo sobre a base de manter os 1400 MW de capacidade de evacuación e que calquera novo proxecto teña esa vinculación nun calendario real na que queden reflectidas a integración dos traballadores das auxiliares e das empresas afectadas polos Eres de hoxe.
 
É normal que estas situacións xeren conflitividade, tanto a escala local como global. O que non é normal e deixar facer e conformarse con vivir das rendas do pasado e crear unha ilusión para un futuro inexistente namentres todo se derruba e os grandes beneficiados foxen. 
 
Asi foi, é , o "negocio" da enerxía.

Situación da mina das Pontes cando estaba na súa máxima actividade
Situación da mina das Pontes cando estaba na súa máxima actividade | Fonte: Remitida FP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.