Novo goberno en Ames co apoio de PSdeG, Contigo Pódese e BNG

O pacto concretado esta semana facilita aos socialistas a alcaldía, Contigo Pódese a primeira tenencia de Alcaldía e o BNG a segunda.

Por Galicia Confidencial | Ames | 08/07/2015 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes pola tarde a presentación do novo goberno municipal, tralo acordo alcanzado entre os grupo políticos do PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG. Na rolda de presa de presentación estiveron o alcalde e todos os concelleiros/as dos tres grupos políticos que forman o novo goberno municipal de Ames (non asistiu a concelleira Isabel González por motivos persoais).

José Miñones, futuro alcalde de Ames
José Miñones, futuro alcalde de Ames | Fonte: PSdeG

Ademais, neste acto asináronse os decretos coas delegacións de cada unha das concellarías do novo goberno municipal. Tamén se deu conta do reparto das tenencias de Alcaldía e da nova composición da Xunta de Goberno Local. Este venres, 10 de xullo, celebrarase o pleno de organización no que se decidirán as dedicacións de cada grupo municipal, así como a periodicidade coa que se celebrarán os plenos e as xuntas de goberno local, entre outros asuntos.

Esta tarde, as 18:30 horas, celebrouse unha rolda de prensa na que se anuncio o acordo de goberno ao que chegaron os grupos políticos do PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG. Trátase dun pacto de goberno que xira arredor dun programa para a lexislatura 2015-2019, que foi elaborado polas devanditas forzas políticas, e que está divido en cinco grandes áreas ou liñas programáticas que son: un goberno municipal transparente, aberto e participativo; un goberno comprometido co emprego e co desenvolvemento económico de Ames; que Ames sexa un concello para vivir apoiando o desenvolvemento territorial sustentable; un goberno comprometido coa igualdade e as políticas sociais por unha saída social á crise; e un goberno comprometido coa lingua e a cultura galega. 

Ademais da sinatura do devandito pacto, neste acto, tamén se dou conta e se asinaron os decretos mediante os cales se delegan en cada un dos concelleiros e concelleiras as diferentes áreas do goberno municipal. Deste xeito, o alcalde, José Miñones, leva as áreas de seguridade, emerxencias, persoal e reforma administrativa e deportes; Luísa Feijóo é a concelleira delegada de sanidade, servizos sociais e igualdade; Blas García é o encargado da concellaría de urbanismo, obras públicas, e servizos básicos; Isabel González leva a concellaría de participación e atención veciñal e promoción económica; Genma Otero é a concelleira de Economía e Facenda; Catuxa García dispón das competencias de medio ambiente e desenvolvemento sostible; Silvia Dapena é a concelleira de mocidade e transparencia; David Santomil é o encargado da concellaría de Educación e Cultura; e Isabel Vaquero leva as áreas de normalización lingüística e comunicación.

Tenencias de Alcaldía e composición da XGL

Por outra banda, deuse conta do reparto das tenencias de Alcaldía: Así a primeira tenente de alcalde é Genma Otero; a segunda tenencia de alcaldía correspóndenlle a David Santomil; o terceiro tenente de alcalde é Blas García; a cuarta tenencia de alcaldía é para Silvia Dapena; a quinta tenente de alcalde é Isabel Vaquero; e a sexta tenencia de alcaldía é para Luísa Feijóo. Por último, a Xunta de Goberno Local estará composta polo alcalde, José Miñones, Genma Otero, David Santomil, José Blas, Silvia Dapena, Isabel Vaquero e Luísa Feijóo. 

Neste mesmo documento tamén se recolle o organigrama municipal de dedicacións; das áreas de xestión, do reparto de responsabilidades cos cargos de alcaldía, as tenencias de alcaldía, o nomeamento do persoal de confianza, as asignacións das dedicacións exclusivas e parciais, así como o programa de accións e a validez do mencionado documento. 

Sobre o reparto das dedicacións, o alcalde, José Miñones, adiantou que neste documento recóllese que o goberno municipal tería cinco dedicacións e media, repartidas entre sete membros do goberno municipal (4 persoas terían unha dedicación exclusiva e outras tres persoas terían unha dedicación parcial). De tódolos xeitos, estas cuestións teranse que tratar e aprobar, se procede, este venres, ás 10 de xullo, ás 16:30 horas, no pleno de organización que se celebrará na Casa do Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta