Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2023 | Actualizada ás 18:13
A través dunha pregunta parlamentaria, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, instou á Comisión Europea a que certificar que a Xunta garanta o pago das axudas á produción ecolóxica e cumpra os criterios marcados por Europa para conseguir o 25% deste tipo de produción no ano 2030, tal e como reclama a Asociación de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galicia.
No ano 2022, dixo Miranda, o Goberno galego só asignou 3,18 millóns de euros en axudas, fronte aos necesarios 5,6 millóns de euros para cubrir todas as solicitudes presentadas, o que significa "falta de asistencia para o 43% das hectáreas solicitadas".
"Tendo en Galicia só o 5% de terras agrícolas destinadas á produción ecolóxica, como é posible que o goberno galego non dea resposta á demanda de transicións a este tipo de produción?", pregúntase Ana Miranda.
A eurodeputada do Bloque denuncia a "decisión unilateral" do Goberno galego de "non pagar as axudas comprometidas ao sector no ano 2022". "É insultante a desidia do PP cara aos nosos sectores produtivos", dixo Miranda, quen, ao tempo, subliñou que "Bruxelas sabe deste problema grazas ao Bloque, e será o Bloque con Ana Pontón de presidenta quen solucione este problema".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.