Declaracións de familiares confirman os testemuños das vítimas dun adestrador acusado de abuso sexual

A Fiscalía de Pontevedra pide que sexa condenado a 21 anos e oito meses de prisión como autor dun delito de agresión sexual a menor de 16 anos de carácter continuado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2024 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra retomou este xoves coas declaracións de amigos e familiares das vítimas o xuízo contra un mozo que presuntamente entre os anos 2012 e 2016 abusou e agrediu sexualmente a tres menores de 16 anos, cando era adestrador dun club de baloncesto.

A Fiscalía de Pontevedra pide que sexa condenado a 21 anos e oito meses de prisión como autor dun delito de agresión sexual a menor de 16 anos de carácter continuado, un delito de abuso sexual de carácter continuado a menor de idade e un delito continuado de agresión sexual con penetración a menor de idade co agravante de parentesco.

A representante do Ministerio Público tamén solicita que se lle impoña a prohibición de aproximarse a menos de 200 metros do seu tres vítimas e comunicarse con elas. Ademais, a fiscal reclama que permaneza en liberdade vixiada por un total de 15 anos e a súa inhabilitación para desempeñar oficios ou actividades que supoñan contacto con menores de idade por un tempo de 32 anos. Ademais, solicita indemnizacións para as vítimas de 25.000 e 50.000 euros, respectivamente.

Ao longo da mañá deste xoves na sala de vistas puidéronse escoitar os testemuños incriminatorios de familiares e amigos das denunciantes ratificando a súa versión dos feitos, así como de dous axentes da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional de Marín que confirmaron as denuncias.

O acusado, durante a primeira sesión do xuízo, negou os feitos, asegurando que todas as relacións que mantivera con estas mozas foran consentidas. Estes feitos foron denunciados cando o mozo xa non estaba vinculado a ese equipo. Na actualidade, vive no estranxeiro e segue relacionado co deporte do baloncesto.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta