Anulada a sentenza que absolveu a un profesor acusado de agresión sexual a unha alumna dunha academia

O TSXG considera que se incorreu nunha "ausencia de valoración" dunha das probas testificales.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 12/01/2024 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou sentenza na que anula unha resolución da Audiencia de Pontevedra, que absolveu a un profesor de matemáticas dun delito de agresión sexual cara a unha alumna menor, e ordenou devolver as actuacións ao tribunal de primeira instancia para que "valore debidamente a proba omitida e dite unha nova sentenza".

Este profesor foi xulgado por dous supostos delitos de agresión sexual sobre dúas alumnas dunha academia. Nun dos casos, a Audiencia viu probados os feitos e ditou unha pena de 2 anos de prisión, pero abolveuno do delito con respecto a unha segunda menor, en aplicación do principio 'in dubio pro reo'.

Agora, o alto tribunal galego estimou parcialmente un recurso presentado pola acusación e sinalou que "non pode compartir" o criterio da Audiencia, cando o tribunal provincial afirma que a declaración da prexudicada foi "pouco precisa" e estaba "orfa de toda corroboración a través de datos obxectivos".

Segundo expón o TSXG, no plenario "produciuse a proba dunha testifical que foi moi clara" e a testemuña "na súa resposta cando foi preguntada por se vira algunha vez ao acusado bicar na boca a algunha alumna na súa presenza, contestou en sentido afirmativo, en tanto que a denunciante e ela mesma foran bicadas por aquel".

"AUSENCIA DE VALORACIÓN DE PROBA"

Así as cousas, os maxistrados do alto tribunal galego conclúen que, "con claridade, produciuse, pois, 'a omisión de todo razoamento sobre algunha ou algunhas das probas practicadas que puidesen ter relevancia ou cuxa nulidade fose improcedentemente declarada', pois non hai na sentenza de instancia, que absolve en virtude do principio 'in dubio pro reo', nin unha soa referencia a esa testifical, que, en principio, parece ter relevancia, xa non só como elemento de corroboración, senón como proba testifical directa".

Na súa resolución sinalan que "a motivación da sentenza non cumpre coas esixencias constitucionais e provoca efectiva indefensión ás acusacións, razón que conduce á estimación do recurso".

Sala para xuízos con tribunal de xurado na Audiencia da Coruña
Sala para xuízos con tribunal de xurado na Audiencia da Coruña | Fonte: TSXG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta