A Xunta deseca dúas charcas na área protexida das Catedrais

Adega lamenta a “escasa sensibilidade” da Administración autonómica e cualifica de “duro golpe” á proposta de declarar este espazo Parque Natural, defendida por institucións, investigadores e ecoloxistas. As charcas tiñan varias especies protexidas de anfibios.

Por Galicia Confidencial | Ribadeo | 13/08/2015 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

A Xunta acaba de aprobar un Plano de Conservación da área das Catedrais pero, a pesar diso, acaba de encher con terra dúas charcas que se atopaban en áreas sensibles, unha dentro do ZEC As Catedrais e outra 200m fóra, mais pertencente á unha área prioritaria para a conservación da avifauna ameazada.

Zona protexida das Catedrais, onde se atopan dúas das charcas desecadas
Zona protexida das Catedrais, onde se atopan dúas das charcas desecadas

Trátase de dúas canteiras abandonadas, rexeneradas naturalmente e agora encharcadas, das poucas zonas húmidas permanentes na rasa litoral da Mariña. Segundo denuncia a organización ecoloxista Adega, as obras consistiron no aterro da zona inundada, “arrasando coa rica biodiversidade que acubillaban e derramándoas como refuxio de aves invernantes e en paso”.

Entre as especies protexidas presentes nesas charcas cóntanse varias de anfibios: A Hyla arborea (vulberábel segundo o Decreto 88/2007 polo que se establece o Catálogo Galego de Especies Ameazadas) e o Alytes obstetricans (Anexo IV Directiva 92/43 CEE, de interese comunitario que require protección estricta), teñen presenza confirmada, e o Triturus marmoratus (Anexo IV Directiva 92/43 CEE), o Lissotriton boscai e Lissotriton helveticus, no calágo español, son de presenza probábel. 

Adega lembra que a costa de Ribadeo nesta zona da rasa litoral emerxida está considerada, ademais de ZEC, LIC, Monumento Natural (As Catedrais), ZEPA (Ribadeo), e Reserva da Biosfera (Oscos-Eo-Burón) e é unha área prioritaria para a avifauna ameazada por Resolución da DXCN de 28 de novembro de 2011. 

“A riqueza ornitolóxica deste territorio atrae a moitos/as investigadores e visitantes, que agora perderán -perderemos- dous humidais senlleiros nos que mesmo aniñaban a pita de río, o mergullón pequeno, o rascón..., aliás de acubillar a especies en paso e invernantes”, indica nun comunicado.

Charcas desecadas na área das Catedrais
Charcas desecadas na área das Catedrais

Por iso,  lamenta a “escasa sensibilidade” da Xunta, “que asiste nos seus fuciños e en plena tempada turística á destrución destas charcas e á perda da biodiversidade que acubillan, malia a gozaren de numerosas figuras de protección”. Unha actuación que cualifica de “duro golpe” á proposta de declarar este espazo Parque Natural, defendida por institucións, investigadores e ecoloxistas fronte á negativa da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 adegueiro de pro

A única explicación que atopo e que os tolos están gobernando os parvos!

1 Fendetestas

Mirade ben a nova orixinal. http://adega.gal/web/novas.php?id=3... En principio, o recheo non parece responsabilidade directa (si indirecta, por incompetencia ou desleixo) da Xunta