A Deputación de Pontevedra reitera o seu desexo de iniciar "canto antes" as obras da bancada de Balaídos

O presidente, Luís López, enviou unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2024 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, enviou unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, acerca da remodelación do Estadio Municipal de Balaídos, na que lle reitera o seu desexo de "iniciar canto antes as obras da bancada de Gol".

A misiva do presidente provincial responde a outra que remitiu recentemente o alcalde da cidade olívica. "Ímoslle a trasladar, en primeiro lugar, que celebramos que o Concello de Vigo comparta coa Deputación de Pontevedra o que vimos dicindo, tanto eu como a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias, desde o primeiro minuto, que é o desexo de acometer esta reforma e non perder máis tempo", defendeu López.

Seguidamente, o presidente da Deputación relata na súa carta ao alcalde vigués que o pasado 19 de xaneiro recibiu o proxecto e unha proposta do borrador de convenio "máis de 4 meses despois de solicitalo, que o fixemos por carta, o 20 de novembro", apostilou.

"Repito, máis de 4 meses de atraso, despois mesmo de recibir un folio, facéndoo pasar por un proxecto, que unicamente contiña a cifra total do orzamento previsto para esa obra", sinalou o mandatario provincial.

Na carta, Luís López tamén comunica ao alcalde de Vigo que "estamos a avaliar o proxecto con dilixencia pero co imprescindible rigor que require un proxecto desta magnitude en canto a obra e tamén a contía económica que supón". O presidente provincial lembrou que para esta reforma nos orzamentos da Deputación de Pontevedra que están en vigor reserváronse 2,5 millóns de euros, "fronte aos escasos 300.000 euros que reservou o Concello de Vigo nos orzamentos deste 2024".

Por último, Luís López trasladou tamén "unha reflexión" e pediulle ao alcalde deixar a reforma de Balaídos "fóra das discrepancias políticas que podamos ter" algo que, ao seu xuízo, tamén demanda "o conxunto da masa social do Celta e o conxunto da cidadanía de Vigo". O presidente da Deputación explicou que, nestes momentos, están a analizar o proxecto e matiza que "non tardarán os 4 meses que se tomou o Concello de Vigo para remitilo". "Estamos máis que comprometidos coa reforma do estadio municipal como dixemos xa desde o minuto uno que chegamos a esta casa", insistiu.

Estadio Abanca Balaídos.. CELTA
Estadio Abanca Balaídos.. CELTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta