Demanda do interventor municipal de Ourense contra o Concello e contra o alcalde por acoso laboral

No documento presentado polo encargado de fiscalizar a xestión económica do Concello, falaba de acoso laboral e mencionaba "intimidacións" por parte do rexedor, sinalando a "descualificación profesional", a "desacreditación persoal" e mesmo "burla con difusión mediática" e "fustrigación constante".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/02/2024 | Actualizada ás 20:33

Comparte esta noticia

O interventor municipal de Ourense presentou unha demanda por acoso laboral e por incumprimento de medidas de seguridade contra o Concello e contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jacome, que está en trámite polo Xulgado do Social número 1 de Ourense, segundo confirman fontes xudiciais.

Cabe lembrar que o rexedor abriu expediente de cesamento contra o interventor o pasado 20 de decembro por "discrepancias", así como por "obstrución", segundo anunciou el mesmo nunha sesión plenaria ese mes. A ese expediente presentou alegacións o interventor solicitando que finalizase "o acoso" cara á súa persoa.

No documento presentado polo encargado de fiscalizar a xestión económica do Concello, falaba de acoso laboral e mencionaba "intimidacións" por parte do rexedor, sinalando a "descualificación profesional", a "desacreditación persoal" e mesmo "burla con difusión mediática" e "fustrigación constante".

Ademais, cualificaba as acusacións do alcalde de "ter actitudes obstrucionistas ou dilatorias" de "fráxiles no seu rigor técnico" e de "escasa fiabilidade" e ratificábase en distintos informes emitidos ao longo dos procedementos de modificacións orzamentarias.

Tamén aludía ao "Modo DO", facendo referencia á sentenza, aínda non firme, tamén do xulgado do Social número 1 de Ourense polo acoso laboral ao que foi sometida a intendente da Policía Local, María Barrera, por parte do exedil de Democracia Ourensana da Concellaría de Seguridade Cidadá.

Argumentaba que o alcalde trataba de apartalo das súas funcións e que en varios plenos chegou a acusalo de "neglixente", de actuar "con mala fe" ou de ameazar o seu goberno con "unha guerra xurídica", polo que solicitaba a activación do protocolo antiacoso do Concello. Agora, a situación chegou ao Xulgado do Social número 1 de Ourense.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun pleno / Agostime - Arquivo / Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun pleno / Agostime - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta