Por que causou tanto furor Vydura, o novo fármaco para a migraña?

Como hai que tomalo? Canto custa? Que requisitos hai que cumprir para que a Seguridade Social cubra o seu custo?

Por Amanda Fernández | Compostela | 05/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Recentemente nas redes sociais causou furor a chegada dun novo fármaco ao país chamado Vydura para o tratamento da migraña. Pero de onde vén esa repercusión? Trae consigo unha nova indicación para aliviar síntomas? Poñémonos en contacto con Nina Villasuso, vogal do Colexio de Farmacéuticos da Coruña ,para coñecer máis sobre este medicamento. "O que ten de novidoso é que a diana terapéutica sobre a que actúa non é a mesma sobre a que actúan os actuais tratamentos para a migraña", explica. Vydura contén o principio activo rimegepant, "que frea a actividade dunha sustancia do organismo chamada péptido relacionado co xen da calcitonina (CGRP)". A experta indica que a vantaxe deste fámarco é que pode ser administrado vía oral, á diferenza dos anticorpos monoclonais que teñen que ser vía subcutanea. Isto suporá para os pacientes "unha vantaxe".

Khloé Kardashian anuncia Nurtec, nome orixinal de Vydura
Khloé Kardashian anuncia Nurtec, nome orixinal de Vydura | Fonte: Ispot.tv

Entre as diferenzas entre Vydura e outros medicamentos para a migraña xa existentes, destaca: "Xa fai anos que se están estudando estas moléculas que se chaman gepantes, como Vydura, que xa fai tres anos que está comercializado en Estados Unidos e recibe orixinalmente o nome de Nurtec. Agora despois da autorización da Axencia Europea do Medicamento, xa se pode preescribir e dispensar en España. Deste modo, actúa como preventivo e como tratamento, cando o paciente nota que lle vai a dar a crise". 

COMO SE TOMA E CANTO CUSTA? 

A farmacéutica Nina Villasuso expón que a pauta habitual, si se emprega como preventivo, "sería cada 48 horas" e logo, se durante o día que non o toman, teñen unha crise poden tomar "un comprimido adicional, pero nunca máis de un cada 24 horas". Que efectos secundarios poden presentarse? Sinala que é "bastante seguro" e pode xerar principalmente náuseas. Inclusive destaca que persoas con algún problema cardíaco tamén poderían empregar este medicamento sen risco. "A migraña normamente afecta a xente de entre 20 e 40 anos, sobre todo mulleres e precisamente as enfermedades cardiovasculares non son moi habituais nesta franxa", comenta. 

E canto custa? Indica que a cuestión do prezo desencadea en que non se poida dispensar na farmacia como calquera outro analxésico, polo de agora, "se baixa igual si". En Galicia asegura que aínda non tiveron demanda do medicamento, que non se pode preescribir por receita electrónica. "É dicir, os médicos do Sergas non a poden preescribir porque a maneira de financiamento é a través do hospital. Se me chega unha receita privada mañá de Vydura dun médico, eu podo dispensar o medicamento, se o paciente está disposto a pagar 230 e pico euros pola caixa de oito comprimidos", explica e engade que "non se pode obter con receita do médico de atención primaria e, co especialista, habería que cumprir uns requisitos bastante rigurosos". 

Vydura medicamento
Vydura medicamento | Fonte: Cedida

REQUISITOS PARA QUE VYDURA SAIA GRATIS 

A experta menciona os requisitos a cumprir para que a Seguridade Social cubra o custo total de Vydura: "Tes que estar catalogado cunha migraña episódica entre 8 e 14 días o mes, ter empregado tres tratamentos preventivos previos que non funcionasen e xente que leve máis dun ano co diagnóstico de migraña, sendo unha enfermidade pouco diagnosticada". Neste sentido, se ti cumpres estes requisitos, "non tes que pagar nada", porén se un neurólogo privado di que non pasa por eses tratamentos preventivos, "iso non estaría financiado ao ser alternativa". 

Non ten estas exixencias, segundo conta Nina, a ficha técnica do fármaco, onde só figura que está indicado para prevención do tratamento e para pacientes que teñan máis de catro días ao mes de migraña, polo que podería ser moita máis xente. Tendo todo isto en conta, a cuestión do prezo é determinante á hora de que se poida dispensar na farmacia como calquera outro medicamento. 

POR QUE CAUSOU FUROR? 

A farmacéutica fai referencia ao traballo de marketing de Fitzer e de todo o laboratorio, unha forma de proceder que en España non se pode facer. "En Estados Unidos, unha das Khloe Kardashian promociona a versión americana de Vydura, Nurtec, e aló destaca como en televisión se promocionan medicamentos, se ben é certo que aló os teñen que pagar. É distinta a lei de oferta e demanda", afirma. 

Pero a efectos prácticos, é máis efectivo ca o que xa había? A experta responde: "A disminución da dor cando a tomas é dun 20%, tampouco é unha cousa milagreira. Para a xente que non lle funciona nada, con isto pode ter algo de alivio, non tanto para a dor, senón para todos os efectos relacionados coa migraña como son as náuseas, fotofobia, que che impiden facer as tarefas habituais, para iso é máis efectivo". 

Para finalizar, Nina manifesta que é unha enfermidade máis grave do que parece, "máis incapacitante", porque ter máis de entre oito ou catorce días ao mes con migraña "ten que ser moi duro". Dito isto, que "che receiten este medicamento non é tan doado". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Nun fármaco calquera cantos cartos se queda a Farmacia e cantos van á Empresa Farmacéutica ? Dos 230 € cantos van ao caixón da farmacéutica que o vende ? Cada vez máis fármacos quedan fóra da cobertura da Seguridade Social o mundo das Multinacionais Farmacéuticas é un misterio ... coma o dos Bancos... ?