Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2024 | Actualizada ás 19:48
Un home matou supostamente á súa parella cunha arma branca en Palmeira, no municipio coruñés de Ribeira, esta tarde de martes e despois tentou suicidarse, segundo informan fontes coñecedoras do caso a Europa Press.
Segundo informa o 112 a Europa Press, sobre as 17,30 horas un particular chamou para informar dun altercado nunha vivenda de rúa Doutor Torres, en Palmeira, municipio de Ribeira. Así, avisouse a Policía Nacional, Policía Local, bombeiros de Ribeira e 061.
Ao entrar no domicilio os servizos de emerxencia, atoparon o corpo da muller no interior. Pola súa banda, o home atópase en estado crítico tras tentar suicidarse e foi trasladado ao hospital. O 061 enviou un médico da PAC de Ribeira e unha ambulancia asistencial.
A parella, duns 25 anos, ten un fillo pequeno que non se atopaba na vivenda.
Segundo as fontes consultadas por Europa Press non constaba que a muller se atopara no sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (VioGén) do Ministerio do Interior. De confirmarse, trataríase da primeira muller asasinada por violencia machista na comunidade galega no que vai de 2024. A través das redes sociais, a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero informou de que está "a solicitar datos do presunto asasinato por violencia de xénero dunha muller de 25 anos na provincia da Coruña".
REPULSA DE RIBEIRA
Pola súa banda, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, mostrou a súa repulsa por "unha traxedia tan grave". Avanza que convocará un pleno extraordinario na mañá deste mércores para declarar días de loito.
"Temos que rexeitar todo tipo de violencia machista", afirmou en declaracións a Europa Press. Así, chamou a "erradicar" esta lacra. Está previsto que se celebre unha concentración de repulsa no municipio este mércores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.