Operación Semana Santa en Galicia: 1,5 millóns de desprazamentos e 1.202 voos desde España e o estranxeiro

Galicia, con 26 falecidos no que vai de ano, situouse entre as de maior sinistralidade nestas datas en 2023.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2024 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

Galicia rexistrará máis de 1,5 millóns de desprazamentos esta semana Santa, cun operativo especial da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) que se desenvolverá en dúas fases, a primeira desde este venres e ata o 24 de marzo e a segunda, cando se prevé máis circulación, do 27 de marzo ao 1 de abril.

Así o informou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, na presentación destes actos na sede da Xefatura de Tráfico. Nela, apelou á prudencia para previr sinistros nas estradas galegas. Tamén pediu "responsabilidade" non só na condución senón tamén camiñando, en bicicleta ou en motocicleta. "Galicia é unha zona preferente nos desprazamentos dentro de España", remarcou.

"Nestas datas é máis esencial que teñamos en conta os consellos e respectemos toda e cada unha das normas para chegar sas e salvas e gozar dun período vacacional tranquilo", insistiu tras lembrar que no que vai de ano perderon a vida nas estradas galegas 26 persoas, dez máis que no mesmo período que 2023.

"Son datos para reflexionar, detrás desas cifras hai historias de dor de moitas familias", recalcou tamén e despois de que Galicia fose na anterior campaña de Semana Santa a comunidade na que máis aumentou a sinistralidade, con cinco falecidos.

Presentación da campaña da DXT en Semana Santa. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO NA Coruña
Presentación da campaña da DXT en Semana Santa. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO NA Coruña | Fonte: Europa Press

DESPRAZAMENTOS

De acordo cos datos achegados, dos desprazamentos previstos, 484.000 serán na provincia da Coruña; 523.000 en Pontevedra; 253.000 en Lugo e 326.000 na de Ourense.

Por todo iso, implantaranse medidas de ordenación e regulación do tráfico como a instalación de carrís reversibles que faciliten a circulación de entrada ou de saída dos núcleos urbanos en función das necesidades, a paralización de obras ou as restricións a determinados vehículos de mercadorías, en tramos e horas concretas.

VOOS

Tamén os tres aeroportos galegos operarán durante esta semana Santa --entre este venres e o 1 de abril-- un total de 1.202 voos, dos que 1.046 serán nacionais e 156 terán destino fóra de España.

En concreto, segundo confirmaron a Europa Press fontes de Aena, o Aeroporto de Santiago será o que opere un maior número de voos, ata 682, dos que 562 serán nacionais e 120 internacionais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta