Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2024 | Actualizada ás 16:55
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, instou ao Goberno Central a que teña en conta ao sector primario no decreto que regula a produción de enerxía eólica mariña e demandou que "aumente o peso" dos criterios "non económicos". "Que polo menos chegue ao 50%", apuntou.
Fíxoo a preguntas dos xornalistas sobre as alegacións presentadas pola Xunta ao real decreto de eólica mariña, que tramita o Ministerio para Transición Ecolóxica, este luns, día que acababa o prazo. Foi nun acto, no porto exterior de Punta Langosteira, no municipio de Arteixo.
Lorenzana explicou que ditas alegacións céntranse en solicitar que "aumente o peso que teñen os criterios que non son económicos", así como na demanda de "compensacións" para os sectores que poidan estar afectados, "basicamente ao sector pesqueiro". Ademais, piden como "cuestión obrigatoria" a colaboración público privada. "Solicitamos que se aumente o peso que teñen os criterios non económicos, no real decreto había un límite de 30% e pedimos que polo menos chegue ao 50%", concretou.
EÓLICA TERRESTRE
Cuestionada tamén pola situación da eólica terrestre tras as suspensións de parques eólicos decretadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Lorenzana manifestou "respecto a todas as sentenzas" a pesar de "non compartir as decisións".
A conselleira apuntou que "o Tribunal Supremo, neste momento, está a dar a razón ás tramitacións efectuadas polos técnicos da Xunta de Galicia". Fíxoo en alusión á sentenza do pasado mes de decembro que rexeitaba dous das causas que o alto tribunal galego empregaba para a paralización destes proxectos. "Corresponde esgotar as instancias xudiciais", dixo, tras sinalar que confían en que "o sistema xudicial en España funciona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.