Investidura.- Pontón ve "promesas enlatadas" e "cambios de cromos" para a Xunta no discurso "do día da marmota"

A líder nacionalista cre que o pacto pola industria ofrecido por Rueda supón "na práctica" unha "bendición" ao modelo de "espolio".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2024 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "tremendamente preocupante" o contido do dicurso de investidura do candidato do PP á Xunta, Alfonso Rueda, porque "demostra que non ten ningunha idea nova" máis aló de "as mesmas promesas enltadas" ás que engade "cambios de cromos" na organización do Goberno galego cos que "esconder" a súa "falta de proxecto de país".

A líder nacionalista, na súa comparecencia ante os medios tras a conclusión da intervención co que se abriu este martes a sesión de investidura do actual presidente en funcións, incidiu en que o discurso de Rueda "podería ser o hai dous anos, o de fai catro ou o de fai oito anos". No que cualificou como "o discurso do día da marmota", Pontón aprecia que Rueda cae nas "mesmas promesas enltadas" sen "ofrecer un novo horizonte aos galegos" nun momento "no que cambian con rapidez as cousas no mundo".

Ao seu xuízo, a intervención de Rueda careceu de "ideas novas" máis aló dunha "relación de propostas, moitas repetidas", o que a levou a preguntarse "onde están os grandes proxectos estratéxicos nun momento no que todo cambia de forma acelerada".

Para Pontón, Rueda debuxou no seu discurso "a imaxe idílica" de Galicia "que constrúe a TVG para maior gloria do PP" na que "non existen as listas de espera en atención primaria", "non hai nenos sen pediatra", "non hai xente que segue reclamando poder vivir do seu traballo no campo ou a pesca" e "non hai mozas que ven obrigados a coller a maleta" por falta de "oportunidades" para os seus proxectos de vida.

Ante unha intervención que contrasta, segundo a líder frontista, coa "realidade" de Galicia, Pontón recoñeceu que "comparte" con Rueda a sentenza do final do seu discurso, cando apelou ás posibilidades "imparables" de Galicia se se confía no seu potencial. "O problema é que o PP leva 15 anos sendo un límite para Galicia", sentenciou Pontón, que avanzou que o vindeiro xoves tratará de esbozar na súa intervención que o BNG representa "a alternativa para mellorar a vida das persoas".

PACTO POLA INDUSTRIA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén ante os xornalistas tras o discurso de investidura do candidato do PP, Alfonso Rueda. ÁLVARO BALLESTEROS / EUROPA PRESS / Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén ante os xornalistas tras o discurso de investidura do candidato do PP, Alfonso Rueda. ÁLVARO BALLESTEROS / EUROPA PRESS / Europa Press

Preguntada polo pacto pola industria ofrecido ao resto de forzas políticas por Rueda, Pontón rexeitou unha oferta que considera "na práctica" unha "bendición" ás políticas do PP. "Non hai oferta de pacto. O que se ofrece é que apoiemos unha política de espolio eólico no país", sentenciou tras afirmar que "todo" o proposto "xa se aprobou na lei de acompañamento" aos orzamentos.

Pontón incidiu en que o BNG "ten a man tendida" sempre que Rueda "queira cambiar" un modelo que, ao seu xuízo, supón "pasar por encima" da xente do mar e da pesca coa instalación de proxectos de eólica mariña en "caladoiros" e da conservación do medio natural. "O que se propuxo non é un pacto, é unha rendición", apostilou.

CAMBIOS NA XUNTA

Sobre os axustes na estrutura do Goberno galego, Pontón considerou que se trata de cambios orientados a "esconder" que "non vai cambiar nada" nas políticas e medidas que se porán en marcha. Ao seu xuízo, trátase de "tentar suplir a falta de proxecto de país con cambios cosméticos e cambios de cromos", o que "demostra a incapacidade de enfrontar un momento tan importante no que Galicia merecería un goberno á altura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta