O PP de Ourense denuncia "o desmantelamento" de servizos da Garda Civil no rural

Presentarán en cada concello da provincia e na Deputación unha moción para instar ao Goberno de España a "apoiar e recoñecer" o traballo da Garda Civil.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2024 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Ourense alertou dun "desmantelamento da seguridade da provincia" e manifestou o seu "enérxico rexeitamento" ás medidas do Goberno de España, sobre todo en relación aos servizos no rural. "Defendemos a presenza da Garda Civil en cada esquina da nosa provincia e esiximos ao Goberno de España que cese o desmantelamento da seguridade dos ourensáns", manifestou a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, que compareceu acompañada dos alcaldes de Lobeira e Lobios e o concelleiro popular de Muiños para denunciar "a destrución dun servizo público esencial no rural".

Neste sentido, os representantes populares esixiron a presenza de Garda Civil en cada un dos pobos "como provincia eminentemente rural", destacando que o "coñecemento" desta forza de seguridade "do terreo e da sociedade da que forma parte é o mellor expoñente para garantir a seguridade" en "zonas despobladas".

Así pois, adiantaron que presentarán en cada concello da provincia, así como na Deputación, unha moción para instar o Goberno de España a "apoiar e recoñecer" o traballo que realiza a Garda Civil, comprometéndose a manter a súa presenza en todos os cuarteis da provincia, dotándoos de máis medios persoais e materiais.

Na mesma moción solicitan a atención presencial nos cuarteis da provincia as vinte e catro horas do día, paralizar "urxentemente" o traslado da Unidade de Fronteiras e Fiscal de Lobios, non pechar ningún posto en todo Ourense, reforzalos en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local, e ocupar as prazas totais que aparecen no catálogo de postos de traballo para a provincia e que están libres na actualidade; sinalando que de 910 soamente están ocupadas 839, "polo que hai un déficit de 71 axentes".

Quintas detallou as medidas adoptadas polo Executivo Central que motivaron esta moción, como a supresión da Unidade de Fronteiras e Fiscal de Lobios "que obriga ao traslado de seis familias e deixa sen ese servizo á comarca da Baixa Limia, unha das zonas ourensás con máis quilómetros de fronteira con Portugal", o que desde o Partido Popular consideran "un agravio máis ao rural ourensán".

Ademais, a tamén secretaria provincial do Partido Popular abordou a Orde Xeral 25/2023 do 28 de decembro sobre compañías e postos territoriais da Garda Civil que "prevé o peche de varios postos auxiliares, algúns de maneira inminente como o do Concello de Baltar", que tamén é un concello fronteirizo con Portugal.

Na mesma liña denunciou que "a metade dos cuarteis permanecen pechados" e a outra metade só terán atención ao público presencial de 09.00 a 14.30 horas, fóra dese horario realizarase mediante internet, por vía telefónica ou a través da aplicación AlertCops, algo que cualificou de "incomprensible" por tratarse dunha provincia "con poboación maior e cunha gran dispersión poboacional". 

Axente da Garda Civil
Axente da Garda Civil | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

"Se nos desmantelan os servizos básicos están a privarnos dos nosos dereitos", sostivo pola súa banda a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, criticando que mentres o Goberno Central "di defender o rural, vemos demagoxia nesas palabras". Deste xeito esgrimiu que o seu concello, polo carácter transfronteirizo, "non pode renunciar a un servizo que é básico para os 72 núcleos de poboación e de todo a contorna da comarca", en referencia á Garda Civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta