Rueda moldea a súa Xunta: os delegados territoriais pasan a depender del e cambia varios secretarios xerais

Del dependerán tamén a Secretaría Xeral de Asuntos Constitucionais e unha Secretaría Xeral de Asuntos económicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2024 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, profunda na reforma do Goberno galego cunha estrutura que se acomoda, principalmente, ás súas prioridades e nas que acapara persoalmente competencias importantes como é o control das delegacións territoriais da Xunta. Ademais, cesan varios secretarios xerais --os encargados realmente de organizar unha consellería-- e sitúa a neles a cargos da súa confianza.

Reunión do Consello da Xunta
Reunión do Consello da Xunta | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Así, tras o nomeamento de conseleliros e conselleiras este luns avanzou no desenvolvemento do segundo nivel da Administración no que introduce máis cambios dos xa avanzados. Entre as novidades máis relevantes está que as delegacións territoriais, que ata agora dependían da Consellería que dirixe Diego Calvo, pasarán a depender directamente de Presidencia. Iso si, Calvo terá que xestionar un novo departamento ligado á Consellería de Presidencia: a Dirección Xeral de Movilidade, na que Rueda quere aglutinar unha serie de competencias que ata agora estaban dispersas.

En canto aos delegados territoriais, ademais de vinculalos a Presidencia --da que tamén dependerá unha oficina económica con rango de Secretaría Xeral que aínda non ten un titular--, Rueda decidiu facer dous cambios en relación ao pasado mandato: Belén do Campo volve como titular da Delegación da Coruña, polo que Gonzalo Trenor seguirá, en principio, de deputado no Hórreo; e en Ourense asume o cargo Manuel Pardo, mentres que Gabriel Alén asumirá a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Así mesmo, para un dos cargos de nova creación, a Secretaría Xeral de Asuntos Institucionais, que xa avanzara no debate de investidura, Rueda elixiu a unha letrada da Xunta, Isabel Concheiro.

No apartado de cesamentos, abandonará a Secretaría Xeral de Medios, a petición propia, segundo explicou o presidente, Silvia Valdés, e daralle substitución Pedro Rojo, ata agora xefe de gabinete do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e secretario de Organización do PP galego. O mandatario galego destacou a "enorme brillantez" de Valdés, á que agradeceu "todo o seu traballo e dedicación".

Rueda optou por reorganizar outros departamentos e crear algunhas direccións xerais, sendo un dos pasos máis significativos o de transformar a ata agora Secretaría Xeral de Igualdade en dúas direccións: a que se ocupará de promoción da igualdade, e unha segunda centrada especificamente en combater a violencia machista.

Igualmente, no capítulo de nomeamentos, introduciu numerosos cambios na Consellería de Facenda, entre outros departamentos. Segundo concretou, á marxe das decisións tomadas neste primeiro Consello da Xunta que se celebra un luns, no da semana que vén continuaranse completando os cargos do segundo escalafón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta