Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/04/2024 | Actualizada ás 21:00
"A figura de Ana Pontón é a dunha líder non só impresicindible, senón que é unha líder cunha enerxía e unhas ganas que se van ver nestes próximos catro anos, nos que se vai ver que hai non só alternativa, ideas e propostas". A rexedora da capital galega, Goretti Sanmartín, está convencida de que o efecto Pontón continuará nas vindeiras eleccións galegas. "Por suposto que non ten teito. Ana Pontón vai seguir medrando co seu apoio, non só consolidado, senón que se reforzou despois desta campaña e despois destas eleccións. Ao teito electoral do BNG aínda lle queda moito", di convencida.
Nesta entrevista no Xornal de Compostela, Sanmartín lembra que, a pesar do "salto fantástico e extraordinario" do BNG, non foi posible chegar á Xunta porque "fallaron outras forzas", en alusión ao PSdeG. Pero de cara ao futuro, está moi esperazanda. "Nós imos a por todas, non nos poñemos teito e imos seguir medrando. Estou moi segura".
A alcaldesa de Santiago tamén destaca que o BNG non cambiou nunca os seus obxectivos como formación política. "O Bloque sempre foi o mesmo, porque se move por uns obxectivos comúns que son moi clariños", dixo tras ser preguntada se existen dúas almas dentro do BNG, tras as declaracións, 15 horas depois dos comicios galegos do voceiro nacionalista no Congreso, Néstor Rego, asegurando que o BNG seguía sendo "soberanista e anticapitalista".
"LIXEIRAS DIVERXENCIAS"
"Somos unha fronte e esa fronte permite que convivan xentes e posicións diverxentes, pero arredor dun núcleo central; defensa do dereito a decidir, defensa dos intereses no noso país, defensa de Galicia como liña fundamental e aposta polo soberanismo. Iso sempre estivo aí e creo que non hai nada que ocultar", aclara.
Por iso insiste en que o liderato de Ana Pontón non BNG non se discute, nin tampouco as prioridades políticas da formación. "Hai unha unidade arredor da figura de Ana Pontón, do seu liderado, do que significa e logo o que hai é simplemente diversas maneiras de comunicar, de transmitir. Hai diversidade, por suposto, e lixeiras diverxencias na maneira de ver algúns asuntos, pero que entran dentro da normalidade máis absoluta do que sempre foi o Bloque", di nesta entrevista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.