Rexeitada a destitución de Sánchez Izquierdo como director xeral da CRTVG co apoio do PP

A oposición reclamou a saída de Sánchez Izquierdo tras 15 anos no cargo (chegou en 2009) para abrir unha nova etapa na radiotelevisión pública galega

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2024 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

Os votos da maioría absoluta do Partido Popular en Galicia tombaron a petición de destitución de Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para iniciar un proceso de renovación da cúpula do ente público.

A proposición non de lei foi defendida este martes na sesión plenaria celebrada no Parlamento de Galicia pola deputada nacionalista Olalla Rodil nun debate no que Bloque e socialistas (Democracia Ourensana optou por non intervir) acusaron ao PP de impor unha situación "asfixiante" e "insustentable" polo seu "control" e "manipulación informativa".

Por iso, reclamaron a saída de Sánchez Izquierdo tras 15 anos no cargo (chegou en 2009) para abrir unha nova etapa na radiotelevisión pública galega. A oposición lembrou ao PP que o seu líder de filas a nivel estatal, Alberto Núñez Feijóo, denuncia agora a "manipulación" de TVE con "os mesmos argumentos" que se poderían aplicar á situación que vive a TVG baixo a dirección da persoa posta no cargo polo propio expresidente galego.

"Os medios están sometidos ao control férreo do goberno. Cando escoitei estas palabras de Feijóo, pensei que se refería ao caso de Carlos Jiménez ou o caso do redactor que se negou a cambiar un titular sobre o IPC por non dobrarse aos intereses do PP", sentenciou Rodil, que pediu ao PP galego que tome exemplo dos "grandes golpes de peito" cos que Feijóo pide "o final do control político" en RTVE e faga o que o seu líder pide, pero en Galicia.

"A súa intención é situar á fronte da CRTVG a un socialista con carné, como fixeron na axencia EFE ou en RTVE", espetou Carmen Pomar, encargada de defender a postura do Grupo Popular nunha inicitiva na que apreciou "un novo episodio da deslegitimación" do ente público galego por parte do BNG.

A exconselleira de Educación insistiu en que a CRTVG "é un medio independente que non se somete ás presións" ou ás "interferencias" que, segundo Pomar, "si había" durante os anos do bipartito, á vez que asegurou que "non existen" sentenzas xudiciais que avalen as acusacións de acoso laboral, que atribuíu "aos bulos do BNG" nunha "práctica habitual do sanchismo".

Pola súa banda, a socialista Silvia Longueira subliñou que "o que pasa" en Galicia cos seus medios públicos "se se conta fóra de aquí é difícil de crer" pola "falta de democracia" á hora de xestionar un ente que "en usufructo" o PP "decidiu quedar" para o seu uso.

Para a deputada do PSdeG, a "degradación" da CRTVG vai máis aló da "manipulación" informativa e afecta a saúde dos traballadores, que "teñen que recorrer á xustiza" para defender os seus dereitos.

Alfonso Sánchez Izquierdo
Alfonso Sánchez Izquierdo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta