9J.- Beiras ve no BNG a defensa do "proxecto da Europa orixinal" apoiada sobre "os pobos" e a democracia

Anova escenifica con Pontón e Ana Miranda o seu respaldo á candidatura de coalición con EH Bildu, ERC e Ara Més.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2024 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras reivindicou que a candidatura do BNG ás eleccións europeas encabezada por Ana Miranda representa a defensa do "proxecto da Europa orixinal" concibida a mediados do século XX como unha idea de "confederación" entre "os pobos" do vello continente "indisociablemente unido" ao compromiso coa "auténtica democracia".

Ana Miranda, Martiño Noriega, Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras nun acto de precampaña das europeas do BNG en Santiago. BNG
Ana Miranda, Martiño Noriega, Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras nun acto de precampaña das europeas do BNG en Santiago. BNG | Fonte: Europa Press

Este luns, o exlíder do Bloque e cofundador de Anova compartiu un acto de precampaña en Santiago coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a propia Ana Miranda no que tamén participou o portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega, que trasladou a "adhesión simbólica" da súa organización á coalición baixo a que se presentan os nacionalistas galegos aos comicios á Eurocámara que teñen lugar o próximo 9 de xuño.

Tras selar a reconciliación do nacionalismo galego nas eleccións autonómicas celebradas a comezos de ano despois de máis dunha década desde o cisma de Amio, Anova sitúase de novo á beira do Bloque para pedir o voto para Agora Repúblicas co obxectivo de conseguir que Miranda "siga sendo moitos anos a voz de Galicia e das causas xustas" en Bruxelas, como dixo o exalcalde de Teo e Santiago.

Pontón agradeceu a "altura de miras" á formación encabezada por Noriega e Beiras polo seu xesto, que responde a "unha forma de entender o país e de facer política" que supón situar "por diante os intereses de Galicia e das maiorías sociais". A líder frontista incidiu en que o BNG aspira a "reforzar" a súa presenza na Cámara comunitaria para que Ana Miranda ocupe o "escano galego" que "non representa a unha organización, senón que representa a un país".

Tanto Pontón como Noriega remarcaron que se trata duns comicios "craves" polo contexto europeo e internacional, que ven marcado por "o discurso da guerra" e o auxe da extrema dereita, co que ven preciso defender "a Europa da paz" fronte á "subordinación" actual ante os intereses da OTAN e os Estados Unidos. "É o momento de responder desde a defensa do propio", aseverou Pontón, que cre que as nacións sen estado deben encabezar a construción dunha "nova Europa" que poña o foco en "as causas xustas", a democracia, loitar "contra os recortes" e defender os sectores produtivos.

En palabras da candidata Ana Miranda, a crise diplomática desatada entre España e Arxentina é o reflexo "do que pasa se se deixa campar ás súas anchas á extrema dereita" porque se normalizan os discursos "fascistas" de dirixentes como o presidente arxentino, Javier Milei.

Así pois, o número tres da coalición Agora Repúblicas mostrou o seu orgullo de formar parte dunha candidatura "cento por cento galega" que, di, garantirá "que se fale" dos problemas de Galicia nas institucións europeas. O perfil de Miranda foi encomiado por Martiño Noriega, que destacou da eurodeputada a súa capacidade "para tecer afectos alá onde vai que xa lle gustaría a moito diplomático oficial".

Por iso, incidiu na importancia de que poida continuar o seu labor en Bruxelas máis aló dunhas eleccións do 9 de xuño que, ao seu xuízo, "hai moito interese en silenciar" pero que "convocan aos demócratas" ante o crecemento da extrema dereita polo "interese" do "poder económico".

XOSÉ MANUEL BEIRAS

Ao final do acto tomou a palabra Xosé Manuel Beiras para remarcar que o Bloque defende nestas eleccións encaixadas nun "proceso de transición sistémico" o ideal co que, di, naceu nas décadas de 1950 e 1960 o ideal "da Europa unida" ao redor das "comunidades básicas", é dicir, aos "pobos" e as "culturas" que representan as nacións sen Estado.

Ese proxecto, segundo Beiras, derivou ata o Tratado de Maastrich que supuxo a creación da Unión Europa como un "mercado común" no plano financeiro, que ve afastado da idea "orixinal" que, á súa entender, defende Miranda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta