O BNG reclama á Xunta unha mesa de negociación cos letrados da quenda de oficio, un "sistema precario"

Segundo Pontón, Galicia investía 4,42 euros por habitante a esta cuestión no ano 2022, mentres que a media do Estado sitúase nos 6,25 euros por habitante.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2024 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou á Xunta que convoque unha mesa de negociación cos letrados da quenda de oficio para mellorar as súas condicións e pór fin ao conflito que manteñen desde hai meses en reclamación de máis recursos económicos para o exercicio das súas funcións e facilidades para conciliar a vida laboral coa profesional. Así o trasladou Pontón nunha rolda de prensa celebrada este luns no Parlamento galego despois de reunirse con representantes de Marea Negra e o sindicato Venia, cos que abordou a situación dun conflito que se prolonga desde o pasado ano co obxectivo de "dignificar e mellorar a prestación da xustiza gratuíta". 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, con representantes de Marea Negra e o sindicato Venia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, con representantes de Marea Negra e o sindicato Venia | Fonte: BNG

Para a líder frontista, o Goberno galego fixo "todo o contrario" a tratar de establecer unha canle de diálogo cos avogados de oficio, aos que "nin se lles recoñeceu" o dereito a folga como si ocorreu con xuíces ou o persoal de administración de xustiza. A xestión da Xunta levou a que o conflito "se enquiste", segundo manifestou Pontón, que advertiu dos efectos sobre a prestación dun dereito fundamental como a xustiza gratuíta ante a suspensión de "miles" de actuacións, vistas e xuízos; ou as renuncias colectivas en partidos xudiciais como Lalín, A Estrada ou Corcubión e en áreas específicas como violencia de xénero.

Alí, os avogados rexeitaron de forma colectiva seguir prestando a quenda de oficio, o que levou aos colexios profesionais provinciais a decretar a alta voluntaria destes letrados para garantir a cobertura. Pontón advertiu que esta situación "pode estenderse a todos" os partidos xudiciais e áreas pola prolongación no tempo dun conflito que cre "responsabilidade directa" da Xunta, administración que ten transferidas as competencias en xustiza.

A portavoz do Bloque incidiu en que a quenda de oficio en Galicia é un "sistema precario" que presenta un baremo "inferior" ao que había en 2009 porque a Xunta destina "fondos insuficientes" que sitúan a Galicia como "unha das comunidades que menos inviste por habitante" en xustiza gratuíta. Segundo Pontón, Galicia investía 4,42 euros por habitante a esta cuestión no ano 2022, mentres que a media do Estado sitúase nos 6,25 euros por habitante. A iso, engadiu, súmase que as contías non se actualizaron respecto da evolución do IPC.

Por todo iso, reclamou á Xunta que tome decisións para compensar debidamente a estes profesionais porque non pode permitirse "que traballen en precario", máxime cando, nestes momentos, suplen estas "carencias" con "o seu esforzo". Por tanto, instou a abrir un período de negociación que contemple o incremento de recursos, negociar un novo baremo e outras peticións do sector como as cotizacións por "traballo feito".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta