Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 07/07/2024 | Actualizada ás 17:35
É habitual atopar na verbena galega artistas que, como Zeus RB, son exponentes de "Canarias pa el mundo". É parte das filas da orquestra Olympus e confesa sobre o seu nome artístico: "Non me compliquei moito, RB son as iniciais do meu apelido Rey Breval". A súa traxectoria é moi ampla tanto en Canarias (orixinario de Gran Canaria e traballou en Lanzarote) cono en Galicia, onde reside desde hai uns 11 anos. É curioso de onde vén a súa paixón pola música, que xa lle corría polas veas: "Sempre me sentín atraído pola música e a miña irmá maior tivo moito que ver. Desde que tiña eu oito anos, estivo nos escenarios de diferentes grupos e orquestras de Canarias e un día deume unha sorpresa". Foi fai 17 anos cando Zeus se atopou por primeira vez fronte ao público cun micrófono en man. Houbo unha gala na que participou a súa irmá, el foi de acompañante e, de súpeto, cantou unha das cancións que interpretaban xuntos na casa: "Empurroume e fíxome quedar ante 300 persoas que estaban atentas na súas cadeiras e, creo que non o fixen tan mal", recorda.
UNHA AMPLA TRAXECTORIA: DE CANARIAS A GALICIA
A partir dese momento formou un grupo coas súas irmás e adentrouse no mundo das orquestras e os eventos. En Lanzarote , a súa primeira orquesta de remome foi La Ley del Mambo, con "mozos que nos iniciamos neste mundo e que recibimos a aceptación do público". A partir de aí obtivo maior visibilidade e invitaron a diferentes integrantes, como Zeus, que se incorporou á Banda Nueva de Lanzarote con "músicos de primeiro nivel e cos que me sentía máis como na casa". Aló pasou dous anos ata que recibiu a oferta dunha formación de Gran Canaria, Nueva Fuerza, chamada "a filial do Combo Dominicano". Desta experiencia resalta o aprendizaxe e o verán marabilloso que foi para el. De aí xurdiu a oportunidade de Banda Joven, orquestra que seguía de preto porque lle gustaba o seu estilo de tocar merengue. En 2012 incorporouse ao primeiro equipo, o Combo Dominicano, co que puido coñecer a verbena galega: "É moi popular nas Illas e gustoume tanto que acabei por quedar en Galicia e levo aquí desde 2013 cando entrei a formar parte da orquestra Philadelphia".
Xa vivindo en territorio galego, estivo en Philadelphia ata que pechou pola "débeda dos propietarios" e decidiu crear xunto a outros compañeiros a orquestra Nueva York. Foi grazas a súa gran acollida que entrou nunha orquestra do top 3 de Galicia: "Cando a vin actuar por primeira vez xa tiña claro que algún día quería estar aló". Así fala da París de Noia, onde entrou en 2017 e pasou cinco anos da súa vida. Porén, defínese como unha persoa á que lle gustan os retos e chegou a un punto no que a París era sinónimo de "levantar o pano e ver as festas cheas" porque "sempre había boa festa se estaba a París". Entón decidiu que precisaba algo novo e comezou o proxecto Origen, que lle permitiu reducir o ritmo de compromisos e lle deu a oportunidade de conciliar mellor o seu rol de pai de dúas fillas. Amplía a súa traxectora co momento actual. A finais de 2023 foi cando recibiu a chamada doutra "das grandes formacións de Galicia", a Olympus, da que hoxe forma parte.
Durante a súa traxectora tamén publicou os seus propios temas. Por exemplo, durante a pandemia de 2020 estivo compoñendo cancións e debutou como solista Te di de mi. "A xente necesitaba contido por parte do mundo das orquetras e a reacción do público foi moi boa". Posteriormente lanzou La vida son instantes , Contradicións ou Aventurero .
O RED-VOLUTION TOUR DA OLYMPUS
Zeus RB non se define cun xénero predominante por bandeira, pero declárase fan do merengue, no mesmo porcentaxe que da balada ou a música tradicional mexicana. "Teño un abano de rexistro demasiado amplo e nada definido", explicou. Entre os seus referentes destaca a cantantes da talla de Luis Miguel, Juan Gabriel, David Bisbal o Alejandro Sanz.
Actualmente pódese escoitar a Zeus intrepretando temas na orquestra Olympus, cuxo título da xira deste verán é Red-Volution Tour: "Unha elección de palabras en referencia á cor característica da formación e cos últimos cambios significativos deste ano". Houbo un xiro no repertorio e na esencia que pareceu "unha loucura", pero que tanto compoñentes de antes como público "lograron entender". A proposta actual incorpora música actual e tamén momentos máis íntimos nos que se "baixan as revolucións" para centrarse en mirar e escoitar. Zeus menciona diferentes cancións que producen este efecto: Edgar Bao interpreta Si no Estás de Íñigo Quintero, cun arranxo adaptado á esencia da orquestra ou Tattoo de Loreen en Eurovisión cantada por Gemma Lareo ou unha homenaxe a Camilo Sexto con Diego É una orquestra na que se aposta por que a xente poida desfrutar de "cosas diferentes" e ao mesmo tempo ser "versátiles e variadas" . Fixemos no que vai de ano unhas 160 actuacións" , afirma.
"A VERBENA GALEGA, UN ESTILO DE VIDA"
Cando chegou a Galicia experimentou unha ruptura cun estereotipo que traía: "É verdade que en Canarias hai moitos galegos, pero non sei se por posición xeográfica, de sur a norte, tiña a sensación de que se vai arrefriando o carácter un pouco". Foi pisar chan galego e percatarse de que a xente é "hospitalaria, cálida e onde hai para un, tamén hai para dous". Considera que a verbena canaria e a galega teñen diferencias notables: "Aló imos a festa que temos ao lado cos amigos, pero non collemos o coche para ir a unha verbena polo feiro de ver a unha orquestra en concreto".
Así expresa o que aprendeu durante estes anos vivindo aquí: "A verbena é un estilo de vida, xa que hai xente que incluso fai 100 quilómetros para ir a unha festa, aínda cando xa viu a esa orquestra o día anterior ou pode vela nunha semana. Isto non é o caso de Canarias". Confesa que o máis duro da profesión é a conciliación, por non pdoer estar cos seus tanto como quixera. "Cada vez que teño un día libre, a prioridade é a familia, aínda que a mente nunca deixa de maquinar. Intento aproveitar ao máximo, xa que o tempo pasa". Sempre tivo claro que a música era o seu camiño a seguir, porén, Zeus de non ser cantante, optaría pola perruquería ou o fútbol.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.