Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2024 | Actualizada ás 11:37
A Delegación do Goberno en Galicia insiste en que serán ao redor de 470 os inmigrantes que se derivarán á comunidade desde Canarias e non os 700 que afirma a Xunta que coñece que chegarán "por fontes extraoficiais".
"Ante a confusión de datos", o Goberno quixo aclarar que se trasladarán a 470 persoas adultas, maioritariamente procedentes de Mali, que foxen da guerra no seu país e que contan coa solicitude de asilo.
Entenden que a Xunta está a sumar a esa cifra a chegada ordinaria de migrantes, "que vén producindo nos últimos anos debido a outras guerras ou conflitos, como é o caso de Ucraína".
Recalcan que, procendentes da emerxencia migratoria de Canarias son 470 persoas. "Entendemos que a diferenza de cifras pode deberse a esta confusión da Xunta, interesada ou froito do descoñecemento".
MIGRANTES PROCEDENTES DE CANARIAS
O Goberno destinará a Galicia durante este verán, e de forma graduada, a un grupo de 470 inmigrantes procedentes de Canarias. O propio delegado do Goberno, Pedro Blanco, aclarou que este martes informou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, da derivación destas persoas, ademais de enviarlle unha carta onde se achegaban todos os datos: datas, concellos e días de chegada. "Non dubido da solidariedade do pobo galego, tampouco da solidariedade da Xunta. O que pasa é que é unha pena que a Xunta estea a enredar, alegando falta de información", censurou o delegado, que insistiu en que "se trata de botarlle unha man á Comunidade Autónoma de Canarias, unha man que é absolutamente necesaria".
Con todo, Pedro Blanco matizou que este proceso se basea en previsións, "previsións que son absolutamente cambiantes, dinámicas". Explicou tamén que todos os custos de traslado, de estancia, de manutención e de asistencia en xeral "corren a cargo do Goberno de España". "Por tanto, non vai supor ningún tipo de custo para a Comunidade Autónoma", apuntou. Por último, comunicou que estas persoas, adultas, serán atendidas en diferentes localidades galegas, en albergues e hostais cos que xa se contactou e acordado a acollida a través de entidades humanitarias. Concretramente, a previsión é que cheguen a partir do 25 de xullo a Santiago, ao albergue de O Monte do Gozo; a Becerreá, a Ourense, a Monforte e a Allariz.
XUNTA APUNTA Á CHEGADA DE 700 INMIGRANTES
Pola súa banda, a Xunta de Galicia manexa outras cifras repecto á derivación de inmigrantes e, "por fontes extraoficiais", apunta á chegada dunhas 700 persoas das que, aseguran, "non teñen ningún tipo de información do Goberno central".
"Por iso, onte mesmo, o presidente Alfonso Rueda chamou ao delegado do Goberno pedíndolle aclaracións e información (...). Necesitamos saber onde se van a aloxar, que tipo de necesidades educativas e sanitarias van necesitar porque cabe lembrar que a atención social, educativa e sanitaria son competencias propias da comunidade autónoma", declarou a conselleira de Política Social, Fabiola García. Ante isto, a conselleira pídelle ao Executivo central "lealdade institucional, coordinación, planificación e que teña informada permanentemente á Xunta".
Argumenta que esixen "a mesma lealdade institucional" que mostrou a Administración autonómica a semana pasada na Conferencia Sectorial de Infancia ao estar disposta a acoller a 26 menores migrantes este ano.
De feito, a responsable de Política Social dirixiu este martes unha carta ao Delegado do Goberno na que requiría información máis detallada -- data de chegada e medio de transporte, condicións de saúde, idade, tempo estimado de estancia e criterios empregados para a distribución territorial, entre outros --. Nela insistía en que as cifras achegadas polo Goberno e as que manexa a Xunta non coinciden, polo que reclama que se aclare.
54 MENORES MIGRANTES
A este grupo de adultos hai que engadir os 54 menores migrantes que tamén está previsto que cheguen a Galicia este verán -- 28 comprometidos de 2023 e 26 acordados na Conferencia sectorial deste mes --.
Canarias enviou este luns 15 de xullo á Xunta de Galicia a primeira listaxe cos nomes e as idades dos primeiros 14 menores, e dentro dun par de semanas volverán enviar outra listaxe cos 14 restantes.
Unha vez realicen ese trámite, teñen que buscar os billetes de avión e informar da chegada. No aeroporto, apunta o departamento autonómico, estará aos esperar persoal da Consellería de Política Social para distribuír a cada un "no recurso que mellor se adapte ás súas necesidades, sempre co obxectivo de lograr a mellor inclusión".
MONFORTE, "DECATADO" ESTA MAÑÁ
Segundo o dispositivo activado polo Goberno, os migrantes chegarán, ademais de a Santiago, a outros concellos como Becerreá, Monforte, Ourense e Allariz.
Este mércores o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, recoñecía que se decatou esta mesma mañá da chegada en agosto de 25 subsaharianos a Monforte. Tomé non deu máis datos e asegurou "descoñecer" supostos problemas por parte dos aloxamentos que teñen que acoller aos migrantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.