O Parlamento galego reclama ao Goberno unha transición enerxética "realista" para a frota de pesca

Piden que isto se faga "mediante axudas que non impliquen penalización e que sexan compatibles coa sustentabilidade económica e social do sector pesqueiro galego"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2024 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

Os grupos do Parlamento galego aprobaron por unanimidade unha proposición non de lei do PP pola que instan á Xunta a reclamar ao Goberno central que defenda ante a UE unha transición enerxética "realista e asumible" para a frota.

O texto, que contou co visto e prace dos 15 deputados presentes na comisión parlamentaria de Pesca e Marisqueo, insta á Xunta a dirixirse ao Executivo de España para que defenda ante as institucións europeas unha descarbonización "efectiva, realista e asumible" para a frota, "mediante axudas que non impliquen penalización e que sexan compatibles coa sustentabilidade económica e social do sector pesqueiro galego".

O PP apuntou que a descarbonización da frota é un obxectivo positivo "sempre que se parta dunha análise realista da situación actual", o que implica recoñecer que, a día de hoxe, "non existe unha alternativa viable para a substitución dos motores de gasóleo". Por iso, considera "precipitada calquera pretensión", como a retirada de exencións fiscais ou o aumento de gravames sobre o combustible marítimo.

Entre outras consideracións, os 'populares' advertiron de que os principais damnificados das medidas serían as frotas artesanais, as máis selectivas e que menos consomen.

OUTROS ACORDOS

Por outra banda, tamén foi aprobada outra proposición non de lei do grupo do PP, tras unha modificación, para que a Xunta demande ao Goberno central unha ampliación á exención do IRPF, modificación parcial das leis de Impostos sobre Sociedades, sobre a Renda de non Residentes e sobre o Patrimonio, "polo menos, aos tripulantes españois que faenan fóra de augas españolas co fin últomo de estimular a substitución xeracional".

Igualmente, e tamén despois dunha modificación, foi aprobada unha proposición do grupo socialista para instar á Xunta a implementar as competencias que lle asigna a 'Estratexia de control da alga Rugulopteryx okumarae en España', para loitar contra a invasión desta alga asiática.

Así, ínstase o goberno galego a tomar medidas ante unha especie que causa gran impacto ecolóxico e socioeconómico no litoral, e a decidir as actuacións mediante un grupo de traballo onde estean representados a FEGAMP e o sector pesqueiro.

Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia na súa reunión dle 3 de setembro de 2024.. PARLAMENTO DE GALICIA
Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia na súa reunión dle 3 de setembro de 2024.. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta