Temas: CINE AGADIC

‘El día más corto’ fala por vez primeira en galego

A terceira edición do evento estatal, que se celebra coincidindo co solsticio de inverno, incorpora por primera vez curtametraxes en galego, catalán e éuscaro.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/12/2015 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O evento ‘El día más corto [ED+C]’, que se desenvolve cada 21 de decembro coincidindo co solsticio de inverno, incorpora por vez primeira á súa programación catro curtametraxes en galego: ‘O cazador’, de Ángel Santos; ‘Bata por fóra (muller por dentro)', de Claudia Brenlla; ‘Conversa cunha muller morta’, de Sonia Méndez; e ‘Anacos’, de Xacio Baño. Estes títulos forman parte do catálogo que se lles ofrece de xeito gratuíto a todas as persoas interesadas en organizar proxeccións públicas ou privadas este luns.

‘Conversa cunha muller morta’, de Sonia Méndez.
‘Conversa cunha muller morta’, de Sonia Méndez.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colaborou coa Coordinadora del Cortometraje Español, promotora en España desta iniciativa internacional, para apoiar a presenza de traballos rodados na nosa lingua entre o cento de curtametraxes desta programación. A incorporación de curtas en galego, catalán e vasco é, ademais, unha das principais novidades da terceira edición do evento, que tamén inclúe na súa oferta en liña unha recompilación exclusiva de pezas musicais, un programa europeo de filmes infantís de animación e a serie ‘Zero’, do español David Victori, con produción de Ridley Scott e Michael Fassbender.

Innovación e exclusividade

Os catro traballos galegos seleccionados sitúanse na liña de traballo pola que está a apostar a organización de [ED+C], poñendo a disposición dos espectadores pezas únicas que destacan pola súa innovación e exclusividade, ao tempo que dan conta da riqueza e creatividade dos novos talentos cinematográficos.

Así, ‘O cazador’, de Ángel Santos, é un traballo de 2008 que foi descrito pola prestixiosa publicación ‘Cahiers du Cinemá’ como “unha pequena xoia que atrapa as fases da transformación dunha historia desde que é papel ata que é imaxe”.

De 2008 é tamén ‘Bata por fóra (muller por dentro)’, de Claudia Brenlla, una peza realizada a partir do traballo da artista austríaca Petra Buchegger arredor desta prenda popular e tradicional, que nos propón unha alegre oda á modernidade da tradición.

No caso de ‘Anacos’, de 2012, é un filme sobre a brevidade e a simpleza da vida, que nace como unha evolución formal do anterior traballo de Xacio Baño, ‘Estereoscopía’, na procura dunha narrativa e estética propias.

A cuarta fita en galego de ‘El día más corto’ é ‘Conversa cunha muller morta’ (2012), na que Sonia Méndez aborda a lacra da violencia de xénero desde unha perspectiva completamente nova e inesperada.

Evento aberto e gratuíto

[ED+C] é un evento aberto e gratuíto que ten como obxectivo difundir o sector da curtametraxe en España como unha das manifestacións máis destacadas do actual panorama cultural, que na última década ten sido recoñecido con máis de 5.000 galardóns internacionais.

Con tal fin, o sitio web www.eldiamascorto.com reúne un cento de traballos, entre os que, ademais dos xa mencionados, tamén se atopan curtas premiadas nos Goya e nominadas aos Oscar. As películas estarán dispoñibles en ‘streaming’ durante as 24 horas do día 21 para todos os que queiran organizar proxeccións tanto privadas como en espazos públicos. O sistema é compatible con calquera dispositivo con acceso a Internet.  

Esta iniciativa, que naceu en Francia en 2011, experimentou un rápido crecemento internacional ata estenderse na actualidade a un total de 18 países. En España botou a andar en 2013 con 82 proxeccións e 5.000 participantes e deu un importante salto cuantitativo en 2014 con 102 sesións e 10.000 espectadores. Para a edición están confirmadas proxeccións en varias decenas de localidades, así como en diferentes sedes do Instituto Cervantes no estranxeiro.

En Galicia, as citas son en:

DINAMOcoworking
Dirección: Ecuador 14 VIGO
Hora: 12.00
Duración: 10 HORAS

Roquiño - Zona Afectada
Dirección: Av. Pedro Mateo Sagasta, 25, 36650 Caldas de Reis, Pontevedra
Hora: 21.00
Duración: 1 hora

Casa do Fidalgo
Dirección: Machuco nº 1, A Pontenova. Lugo
Hora: 17:00 a las 24:00
Duración: 7 horas

Temas: CINE AGADIC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta