Por Europa Press / Redacción | Compostela | 13/09/2024 | Actualizada ás 14:01
O número de fogares galegos que perciben a Risga, renda de integración social de carácter autonómico, baixou un ano máis en 2023 ata situarse en 5.508, un 40% menos que en 2020, cando se puxo en marcha o Ingreso Mínimo Vital (IMV) que depende do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE), ao termo do pasado ano había en Galicia un total de 5.508 perceptores da Risga, 4.275 menos que en 2019 e 3.512 por baixo do número que o recibían no ano que naceu o IMV.
No último ano mantívose a tendencia á baixa, cun 7,55% menos de beneficiarios desta renda ao descender en 739 en comparación con 2022. Por sexos, son maioría as mulleres que a cobran con 3.445 por 2.063 homes.
Por contra, o número de perceptores de Axudas de Inclusión Social (AIS) --achegas económicas da Administración galega de carácter puntual-- creceu no último máis dun 50% ata alcanzar as 3.944, das que 2.559 foron solicitadas por mulleres e 1.385, por homes.
PENSIÓNS NON CONTRIBUTIVAS
Pola súa banda, o total de persoas que perciben unha pensión non contributiva en Galicia descendeu un 0,94% en 2023 ao baixar en 349 ata as 36.636, co que se acumula unha caída de 4 puntos no últimos cinco anos. Tres de cada catro persoas con pensión non contributiva en Galicia son mulleres (24.003 por 12.633 homes) e a maioría das recoñecidas son por xubilación --24.092, un 0,36% menos--.
O número de perceptores de pensións non contributivas por invalidez rexistra un maior descenso ao baixar un 3,35% no último ano a un total de 12.544, un 11,72% menos que en 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.