Unha transexual no deporte galego

O Calasancias coruñés fai ficha a Antía Fernández, que debutará este domingo co seu equipo na Segunda División de voleibol feminino. Mudegá felicita o club coruñés pola súa aposta pola normalización da transexualidade.

Por gcdeportes | A Coruña | 21/01/2016 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

A asociación Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá) ven de anunciar que o club Padre Faustino de voleibol (Calasancias) fixo ficha á deportista transexual Antía Fernández, a cal podería debutar este mesmo domingo no equipo B do club coruñés. Mudegá manifesta a súa satisfacción e apoio á decisión adoptada polo club coruñés e considera que esta medida é unha forma de normalizar a transexualidade na sociedade e no deporte galego.

Antía Fernández é unha transexual que dende sempre quixo practicar deporte e sempre atopaba problemas para fichar por un club pola lexislación existente. Ata que o Club Padre Faustino (Calasancias da Coruña) decidiu dar un paso adiante e permitir a esta muller poder desenvolverse tamén no deporte.

O Calasancias presentou a solicitude de ficha para esta deportista ante a Federación Galega e esta lle foi concedida, polo que Antía poderá cumprir este domingo o seu soño. A deportista galega debutará este domingo (12.00 horas) no pavillón do colexio das Calasancias no partido Calasancias Coruña B-C.V.A.B. da Segunda División sénior feminina.

Mudegá considera que este feito é un paso importante adiante na integración social e permitirá darlle normalidade a transexualidade no deporte. “Para dar pasos adiante é necesario ir cambiando as normas, como leva sucedendo ao longo de toda a historia para permitir a participación das mulleres en competicións deportivas”, sinalan dende Mudegá.

Antía Fernández debutará co Calasancias da Segunda feminina de voleibol este domingo.
Antía Fernández debutará co Calasancias da Segunda feminina de voleibol este domingo. | Fonte: pontevedraviva.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta