Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2024 | Actualizada ás 12:02
A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas doará á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa) os 7.000 euros recadados no concerto solidario 'Amal x Gaza' celebrado o pasado 17 de outubro na Sala Capitol de Santiago.
O evento musical, que contou coa participación dos grupos Boyanka Kostova, Ataque Escampe, García MC e Tanxugueiras, esgotou as entradas, coa venda de 730 billetes, tal e como destacou a Fundación Araguaney nun comunicado.
A directora do Comité Español de Unrwa, Raquel Martí, destacou que este concerto solidario ten un "un profundo valor", non só pola recadación, que neste momento é "substancial" para axudar a continuar co traballo da axencia, senón tamén porque "é o momento de mostrar ao mundo a importancia de mobilizarse". "E niso a música e a arte son clave", dixo.
Martí agradeceu á Fundación Araguaney e aos artistas e ao público, posto que "xuntos" demostran que "Gaza non está soa", e que "Palestina non está soa". Pola súa banda, o presidente da entidade, Ghaleb Jaber Martínez, destacou que case 1.500 persoas asistiron á XXII Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2024 e asegurou que están moi satisfeitos e orgullos do traballo realizado.
"En total foron máis de 2.000 persoas as que gozaron este ano co mellor cinema árabe e coa música solidaria de grandes grupos da escena musical galega", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.