Kentaro, o lince ibérico que percorreu 2.410 quilómetros até chegar a Galicia

O espécime, seguido por GPS polos científicos, atópase en Ourense tras percorrer o norte da Península Ibérica, logo de ser liberado nos Montes de Toledo en decembro de 2014.

Por Alberto Quian | Madrid | 04/02/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Hai quen di que é unha lenda; outros, que son só rumores, e algúns aseguran que está documentado. O certo é que a presenza en Galicia do lince ibérico (Lynx pardinus)o felino máis ameazado do planeta— é algo que, cando menos, estraña. No século XVIII, Frei Martín Sarmiento asegurou que o lince ibérico habitaba nos montes do interior de Galicia, aínda que é probable que fose confundido co lince boreal (Lynx lynx), especie máis grande que o ibérico —e que era coñecida máis popularmente como lobo rabaz, lobo cerval, tigre ou lubicón—, da que si temos constancia documentada da súa existencia en territorio galego dende finais do século XVII até os anos oitenta do século XX, aínda que algúns científicos datan a súa presenza no norte da Península Ibérica dende hai 11.000 anos. Agora, e grazas ás novas tecnoloxías, si podemos acreditar a presenza dun lince ibérico en Galicia

O lince ibérico Kentaro corre cara á liberdade tras ser solto nos Montes de Toledo
O lince ibérico Kentaro corre cara á liberdade tras ser solto nos Montes de Toledo | Fonte: Luis Suárez - WWF España.

O espécime en cuestión é Kentaro, individuo que naceu no Centro de Cría en Cautividade de Silves (Portugal), en marzo de 2013, e foi liberado xunto ao seu irmán, de nome Khan, nos Montes de Toledo o 15 de decembro de 2014. Agora, Kentaro atópase en territorio galego logo de percorrer nada menos que 2.410 quilómetros, segundo adiantaron os responsables do seu seguimento en La Vanguardia.

Da súa peregrinación pola Península até chegar a Galicia sabemos grazas ao sistema de seguimento que leva o felino nun colar GPS-GSM que aporta datos aos técnicos do proxecto Iberlince que seguen as súas pegadas, dentro do programa de reintrodución do lince ibérico. Polo tanto, non hai dúbida, agora si, de que o Lynx pardinus pisou territorio galego.

Kentaro atópase actualmente na provincia de Ourense, a 367 quilómetros en liña recta do lugar onde foi liberado. Porén, o lince percorreu durante 412 días 6,5 veces máis a distancia que separa o seu lugar de orixe como ser libre da súa ubicación actual. A súa particular peregrinaxe a Galicia fíxoa polo norte, primeiro subindo por Madrid até Soria e A Rioxa, e logo atravesando Castela e León até Zamora e parte de Portugal, chegando finalmente a Ourense. Esta foi a súa viaxe até o pasado domingo.

A aventura de Kentaro é extraordinaria, non só por converterse nun fito no que se refire á presenza do lince ibérico en Galicia, senón tamén polo seu percorrido, xa que estes animais non acostuman a moverse máis aló dun radio máximo duns 40 quilómetros unha vez que son liberados. Pero hai exemplares que marcan a excepción, e un deles é Kentaro, que iniciou a finals de 2014 a súa dispersión xuvenil, é dicir, a viaxe que fan os linces novos na procura dun territorio propio.

Grazas ao colares GPS-GSM que levan Kentaro e un trintena máis de linces ibéricos, os científicos poden rexistrar vía satélite as súas rutas, observar a súa dispersión e uso do hábitat, e establecer patróns de comportamento, datos que axudarán a perfeccionar os plans de reintrodución na Península desta especie a piques da extinción.

Proxecto Iberlince

O Proxecto Life+IBERLINCE: Recuperación de la distribución histórica del Lince Ibérico en España y Portugal (2011-2016) é o terceiro proxecto LIFE aprobado pola Comisión Europea que aposta pola conservación do lince ibérico. A Consejería de Medio Ambiente y Ordenación del Territorio da Junta de Andalucía é a responsable da súa execución e nel están implicados ademais Portugal e cinco administracións españolas. A este proxecto sumáronse ademais diversas organizacións non gubernamentais, como WWF, SECEM, Fundación CBD-HABITAT, Associação IBERLINX, ADENEX, APROCA e FAC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Comunista de Potemos

Coma que é todo un lince, ceibarono na meseta e veu pra Galiza. Non coma os "jippis" do vello aspirante a consúl da Gallaecia que ceibados na Galiza e tiran para a meseta.